O CGAC estrea programación coa macroexposición «Contos dixitais»

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

O centro de arte ofrecerá no verán unha retrospectiva do ceramista ourensán Xavier Toubes As propostas para o 2007 inciden na reflexión das décadas pasadas e a perspectiva de futuro

12 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugura o vindeiro 21 a temporada de exposicións para o 2007 cunha montaxe de grande magnitude polos máis de cen artistas que participan. Trátase de Contos dixitais , que ocupará todo o edificio, terraza incluída, con narracións audiovisuais que exploran o mundo da ficción dende todas as perspectivas a partir do conto como fábula, fantasía e ilusión. A mostra, que se verá ate o 31 de xaneiro, complétase con actividades paralelas que analizan o efecto das tecnoloxías dixitais no relato contemporáneo. Pero se está primeira mostra é unha estrela no universo que abre o CGAC ao público para o vindeiro ano, non son menos destellantes nesta programación a individual do ourensán Xavier Toubes, relevante ceramista internacional afincado en Chicago que mostrará do 14 de xuño ao 2 de setembro, nunha retrospectiva «en clave silenciosa e intimista», unha obra pouco coñecida fóra de círculos de iniciados. Só outros tres artistas terán exposicións individuais: o videocreador Ignacio Pardo (do 5 de maio ao 1 de xullo), a escocesa Susan Philipsz (13 de setembro ao 11 de novembro), e o vigués Lodeiro, ao que lle dedican unha antolóxica do 15 de novembro a xaneiro do 2008. Na densa programación do centro de arte compostelán destacan tamén o macroproxecto en colaboración coa Universidade de Santiago, a Fundación Granell e o Auditorio de Galicia O debuxo nas coleccións públicas de Santiago , que se verá en varias sedes do 14 de marzo ao 29 de abril. A batalla dos xéneros é outra das propostas anovadoras, cun discurso que analiza producións dos setenta, cando artistas e teóricos intentaron desvelar o artificio das convencións de xénero, entroncándoas e contrapoñéndoas coa realidade actual. Estará na primeira planta do CGAC dendo o 7 de setembro ate decembro. A arquitectura contemporánea en Galicia é outra das ambiciosas propostas do programa. Será un percorrido pola produción arquitectónica e construtiva de Galicia nos últimos trinta anos, que se verá dende finais de xuño ate setembro. O CGAC ofrecerá de forma simultánea mostras como Rexistros e hábitos , procedente da Fundació Tàpies, con artistas nacidos nos setenta. E para pechar un ano con moitas propostas de videocreacións, un percorrido pola historia do videoarte en Galicia. O proxecto Edición, xa no segundo ano, mostrará Información contrainformación , con obras de María Ruido, Paco Cao ou Dora García. Os fondos do CGAC encherán ocos nun programa que estrea un programa itinerante por Galicia e que consolida a oferta de actividades educativas.