A enciclopedia colaborativa en Internet acadou esta semana esta cifra de artigos O compromiso coa lingua é unha das motivacións das persoas que achegan os seus textos
06 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O 8 de marzo do 2003 botou a andar a versión en galego da Wikipedia, unha enciclopedia aberta en Internet na que son os propios internautas os responsables da súa elaboración. A Galipedia precisou de todo un ano para sumas as súas primeiras 1.000 entradas, pero dende entón o seu crecemento despegou ata acadar, nesta mesma semana, 20.000 artigos. As materias abranguen temas universais e galegos: na portada de onte compartían espazo as carreiras de fórmula 1 e o cineasta Carlos Velo. A Galipedia existe grazas ao esforzo dos 1.600 usuarios rexistrados como editores, dos que arredor de 30 son os máis activos e responsables da maioría das entradas. Un destes internautas é o compostelán Miguel Bugallo, mestre de profesión e implicado por vocación na Wikipedia galega, á que pode dedicar unha media de catro horas diarias. Bugallo celebra a chegada aos 20.000 textos, pero cre que o camiño andado «debe ser un punto de reflexión para afrontar o que aínda queda por percorrer». Para Bugallo, tan importante como a existencia da Galipedia é a creación dunha comunidade ao seu redor, «moi compenetrada, con bo ambiente», que, ademais da súa ilusión por divulgar o coñecemento, faino nunha lingua como o galego. «Somos conscientes de que estamos facendo algo máis que unha enciclopedia», explica Bugallo. «Existe un compromiso a maiores coa lingua e coa idea do que pensamos de debe ser un país», engade. Este docente, que non se considera ningún experto en informática, defende a filosofía wiki : «O usuario tamén é editor, todos participamos e creamos neste proceso». Unha maneira de actuar que atopa na Rede un hábitat favorable: enciclopedias colaborativas, gratuítas e rigorosas, compartir imaxes e vídeos e toda unha arañeira de relacións grupais e sociais. Na Galipedia son conscientes do potencial comunicativo desta ferramenta, que tanto serve de ponte entre a cultura tradicional galega e as novas tecnoloxías, como para promover a súa participación noutros proxectos multilingües con comunidades como a portuguesa e a castelá, ademais dos galegos na diáspora.