Comeza o cásting para a «Operación triunfo» galega

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

PATRICIA GAGO

Reportaxe | Aspirantes a «Son de estrelas» Onte arrancaron as probas de selección do concurso musical que a TVG prepara para principios do 2007, no que cada un dos 54 participantes representará a unha comarca de Galicia

05 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte arrancaron na Coruña as probas de selección dos aspirantes ao concurso musical producido por Voz Audiovisual Son de estrelas. «Quero deixar de cantar na ducha e comezar a facelo en sitios máis públicos», confesaba ante as cámaras Tito, da Coruña, cando se enfrontou á pequena entrevista, una vez superada a proba da canción. Máis de 40 aspirantes acudiron ao longo do día ás instalacións de Voz Audiovisual coa ilusión de superar as probas e converterse en representantes da súa comarca, neste concurso que a TVG emitirá a principios do 2007 na noite dos sábados. «Non sei por que pero no meu pobo todos cantamos. Non coñezo a ninguén que non tararee», explicaba Daniel, de Neda, quen confesaba que a el o que lle gusta é «sobre todo o espectáculo». Nos corredores da produtora predominaba a xente nova, pero déronse cita todo tipo de artistas. Sorprendeu a capacidade dalgúns para versionar en galego temas moi coñecidos noutros idiomas. No programa non só se valora o talento musical, senón tamén as dotes comunicativas, o temperamento e os sacrificios realizados para acadar o soño de ser cantante. Por iso onte, algúns dos participantes xa se coñecían doutras experiencias pre televisivas, como os cásting de OT. «Vin aquí a dalo todo. Teño dentro de min un cacho de Bisbal e cando sae...», argumentaba David, de Fisterra, cando lle preguntaban por que tiñan que escollelo a el e non aos outros candidatos. A próxima oportunidade para converterse en concursante de Son de estrelas é o próximo luns, no Gran Hotel, de Lugo, a partir das 10.30 horas.