O martes celebrarase na Coruña un «casting» de cantantes para un programa da TVG

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Arrancan as probas para Son de estrelas, o programa concurso musical que a Televisión de Galicia prepara para principios do 2007. Voz Audiovisual, produtora do espazo, escollerá un representante de cada unha das 53 comarcas de Galicia. O concursante número 54, que completará a grella de saída do programa, representará á derradeira comarca simbólica da comunidade: a Galicia da emigración. Este último candidato será elixido entre aqueles aspirantes que, recentemente chegados á rexión, sexan fillos de galegos. O próximo martes, día 5 de decembro, terá lugar a primeira selección. Celebrarase nas instalacións de Voz Audiovisual na Coruña (rúa Gambrinus, número 97. Polígono de A Grela-Bens). Os interesados en converterse en artistas do mundo da canción, poden acudir á produtora pola mañá, entre as 10 horas e as 13.30 horas, e a partir das tres da tarde ata as oito da noite. Requisitos Para presentarse ás probas, non é necesario ter experiencia. Os candidatos unicamente deben ter máis de 16 anos e levar preparada unha melodía en galego. Pero, para participar en Son de estrelas, non só se valorará o talento dos aspirantes. Os seleccionadores tamén terán en conta a simpatía, as dotes comunicativas, anécdotas, temperamento e sacrificios realizados ata o momento polo candidato para acadar o seu soño de converterse en cantante. Ao longo do concurso os familiares, veciños e amigos participarán activamente no programa. O equipo do espazo comunica que as persoas que queiran participar poden presentarse ás probas en diferentes comarcas. Para máis información, a organización pon a disposición dos interesados un número de teléfono: 629 611 068