Os seguidores dispoñen dun correo para enviar os seus comentarios A serie mariñeira consolídase coma un dos produtos estelares desta tempada na TVG
27 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Televisión de Galicia emite esta noite a partir das 22.15 horas, unha nova entrega dunha das series con máis éxito da cadea autonómica, A vida por diante. Hoxe, as viúvas de Sada atoparanse con novas complicacións nas súas vidas. O amor e as enfermidades voltarán ser protagonistas neste capítulo, titulado Esquecementos. Cada vez son máis os galegos que se deixan enganchar, un dos días máis competitivos da semana pola humanidade desta serie mariñeira, producida por Voz Audiovisual. Na mesma franxa horaria que produtos consolidados das cadeas nacionais coma El comisario (Telecinco) -a serie máis lonxeva do panorama televisivo español con dez anos en antena-, e House -o espazo de ficción de Cuatro con máis fieis-, A vida por diante obtén excelentes rexistros cunha cota media de audiencia do 18,4% e consolídase na súa segunda tempada coma un dos produtos estelares da cadea autonómica. Demencia senil Esta noite, Sofía protagonizará a parte máis dramática do capítulo. Afectada de diabetes, diagnosticaranlle demencia senil nunha revisión rutinaria. A viúva tomará a decisión de mantelo en segredo e afrontar soa a súa doenzas para non influír en Marta e truncar a súa ilusión por formalizar a relación con Andrés. Lucía tamén vivirá momentos difíciles. A chegada da ex muller de Bernardo, fará que a protagonista dubide sobre a súa amizade co home e pense que poden existir sentimentos máis profundos entre eles. A trama da serie complícase un pouco máis cada martes. Os afeccionados de A vida por diante poden enviar os seus comentarios á avidapordiante@vozaudiovisual.com