A Consellería de Cultura investirá 350.000 euros en financiar a rehabilitación de nove monumentos pertencentes á Igrexa galega. O Consello da Xunta, presidido por Emilio Pérez Touriño, aprobou onte a sinatura do convenio de colaboración que servirá de canle a este investimento; un convenio que nunha data aínda por fixar rubricarán a conselleira Ánxela Bugallo, como representante da Administración, e o bispo emérito de Tui-Vigo, Xosé Cerviño, este último en nome de todos os prelados galegos. Do programa de actuación previsto beneficiaranse todas as dioceses de Galicia. Así, na de Mondoñedo-Ferrol está previsto destinar 55.300 euros á igrexa de Santo André de Masma, que posibilitarán basicamente a reparación das cubertas e o drenaxe dos muros. Na de Lugo haberá dúas intervencións: unha no templo de San Pedro de Arcos, en Outeiro de Rei, e outra no de Santiago de Cederrón (Láncara); para a primeira consígnanse 73.925 euros, que permitirán reformar a cuberta e acometer a «demolición de engadidos», e en Cederrón, con 12.175 euros, restaurarase o cabildo. Na Diocese de Santiago, cun investimento de 75.250 euros, restaurarase a parroquial de San Miguel de Brandariz, en Vila de Cruces, na que a principal actuación tamén será sobre a cuberta e sobre os enfoscados. De Ribadavia a O Bolo Na Diocese de Tui-Vigo investiranse 46.150 e 20.000 euros, respectivamente, na rehabilitación dos templos de San Pedro de Senín, en Ribadavia, e de San Salvador de Lumeares, en A Teixeira. E por último, con cargo á mesma partida da Consellería de Cultura, tamén se acometerá a reparación da igrexa ourensá de San Sebastián de Paradela (O Bolo), pertencente á Diocese de Astorga.