Un pouco menos de Koltès

Camilo Franco

TELEVISIÓN

21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?s outros somos todos. Koltès debía ter unha idea clara de ata que punto é patético ou miserable ignorar ese axioma. O Centro Dramático Galego acerta na elección deste texto como mínimo irónico, lúcido en canto ao debuxo da condición social e hostil con case todas as actitudes impostadas que unha sociedade conservadora, ambiciosa e clasista ten. O CDG entra no texto demasiado escorado polo cualificativo comedia, cunha actitude en exceso uniformadora que acaba por restarlle á obra un algo de potencia, bastante da súa polisemia e algúns puntos da acidez con que Koltès se descarga nos diálogos. O regreso ao deserto non é unha comedia, nin anda refuxiada na parodia como ferramenta de achegamento. A peza de Koltès é, en realidade, un drama desdramatizado, un argumento ao que o dramaturgo lle resta peso da realidade para que baile sobre os personaxes a condición do ridículo. A diversión da obra procede máis da chispa dos personaxes que do carácter da situación. Ten máis a ver co xeito en que o autor quere facer chegar as conclusións aos espectadores. O Centro queda tres ou catro pasos por tras do texto. Semella máis áxil nas transicións que nas escenas e máis lixeiro na disposición espacial da acción que na realización da mesma. Unha distorsión que queda especialmente de manifesto nos tres monólogo que salferidos na obra, intencionados pero non resolutivos. En máis dun sentido a proposta de CDG é harmónica visualmente pero non chega a desenvolver toda a polisemia ou a capacidade de acción do texto. Como se o envoltorio fose máis axeitado para unha lectura contemporánea da obra que a dramaturxia. Pero quedarse curto con Koltès e como non facer a Koltès.