A nova lei contra o tabaco chega hoxe a «A vida por diante»

María Rial REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Os afeccionados á serie teñen á súa disposición un correo de contacto As viúvas dos mariñeiros do «Santoña» tamén se verán afectadas pola regulación

16 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A vida por diante segue moi de cerca a actualidade social. O capítulo Novas amizades, que a Televisión de Galicia emitirá esta noite a partir das dez e media, faise eco de que a nova lei antitabaco non permite fumar no posto de traballo. Renata deberá afrontar o feito de non poder acender un cigarrillo no bar. Como tantas outras persoas, a protagonista deberá tomar unha decisión ao respecto e proporase deixar o vicio a pesares do sufrimento que isto supón. Os telespectadores galegos da serie, producida por Voz Audiovisual, descubrirán á viúva ao borde da desesperación, ao ver coma os clientes do establecimento fuman, mentres ela, ao outro lado da barra, non pode. Renata non é a única que terá complicacións esta noite. Lucía acompañará a Bernardo a cubrir unha entrega de premios e aínda que todo indica que van pasar unha tarde moi agradable, xorden complicacións e a velada convírtese nun auténtico desastre. Ademais no episodio de hoxe, a diabete de Sofía xogaralle unha mala pasada e fará que viva unha situación entre traxedia e comicidade. A viúva esquece tomar a súa medicación e todos pensan que está bébeda cando a realidade é que está a sufrir un baixón de azucre debido a súa doenza. Noutras esceas da serie, Luci -a coidadora de Carliños- ten que regresar ao seu país por un problema familiar e Marta busca unha nova canguro para o neno. Atopa un rapaz, pero os prexuízos sociais polo feito de ser varón fan que todos desconfíen del. Opinións Cada vez son máis os galegos que se deixan enganchar pola humanidade desta serie da TVG. Os seguidores de A vida por diante xa teñen á súa disposición unha dirección de correo electrónico, na que poden remitir os seus comentarios e suxerencias: avidapordiante@vozaudiovisual.com