A etapa de Domínguez comeza cunha obra de Koltès e coas dramaturxias da actualidade Laiovento publicará unha nova colección para editar as obras que o Centro vaia representando
27 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Centro Dramático Galego rematou onte co verán ao anunciar a programación da nova temporada, que é a primeira que ten a Cristina Domínguez como directora. A directora anunciou a creación dun comité asesor do Centro que, entre outras cousas, se ocupe da selección de obras para o repertorio da compañía pública galega. O CDG promete para os meses que van entre outubro e o vindeiro xuño unha visión da actualidade, unha programación constante e significativa do Salón Teatro e unha atención especial ás dramaturxias contemporáneas. Ánxela Bugallo asegurou na presentación da nova programación que «este novo Centro abre novas liñas que prestarán especial atención aos dramaturgos novos, aos públicos infantís e o aproveitamento dun espazo como o Salón Teatro, e no que se abrirá un traballo de coprodución con compañías galegas». O Centro Dramático Galego abrirá temporada no vindeiro outubro coa estrea de O regreso do deserto , de Koltès, dirixido pola responsable actual do CDG, Cristina Domínguez. Un autor que significa, en palabras da directora, as dramaturxias contemporáneas europeas. A programación do Centro ten outros tres puntos: a montaxe revisitada de Artello para aquela Tarará-chis-pum que a compañía estreara no ano 1978, case a punto de profesionalizarse. Santiago Montenegro anunciou que a obra «mantén o traballo colectivo, pero os actores serán diferentes aos que a estrearon». A terceira oferta que realizará o CDG ten que ver coa posta en marcha do Centro de Creación Dramática Contemporánea e coa figura de dramaturgo residente que onte deu a coñecer Cristina Domínguez. O primeiro dramaturgo deste programa será Cándido Pazó, que traballará no CDG como autor e despois como director para montaxe A piragua , unha peza que, segundo Pazó, «ten unha mirada sobre a actualidade, sobre a violencia doméstica que todos os días vemos nos medios». Aparellados a esta iniciativa están os laboratorios de dramaturxia que o Centro ofrecerá e nos que participarán Cándido Pazo, Paco Zarzoso e Abel Neves. As obras resultantes destes obradoiros pasarán a formar parte dunha nova colección de textos teatrais que o CDG editará xunto con Laiovento nunha colección co nome de Escena Aberta. A mesma colección servirá para ir editando os textos que vaia representando o Centro, comezando polo anunciado de Koltès. A coprodución é outra liña que se reabre esta temporada para, segundo Domínguez, «abrirse a novas linguaxes e respaldar a compañías galegas». Pista Catro é a compañía coprodutora do CDG e Kamikaze, a obra que se estreará en xuño próximo. A directora do CDG indicou que presentará ao consello do Igaem a proposta de creación do consello asesor do Centro, que terá entre os seus cometidos «facer lecturas doutras dramaturxias e participar na programación do CDG». Este consello podería comezar a funcionar nesta temporada para a elaboración da temporada seguinte.