O presuposto medio das corenta obras participantes acada o millón e medio de euros «Donkey Xote», de Filmax, é a longametraxe máis cara, con 13 millóns de orzamento
16 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?s proxectos presentados nos encontros Galicia, terra de cine, finalizados onte en Compostela, suman unha inversión conxunta que rolda os sesenta millóns de euros segundo as fichas presentadas polas produtoras participantes nesta primeira edición e que valoran o custe completo de cada película. A cifra indica o presuposto de valoración nos casos de proxectos en fase de desenvolvemento e da inversión realizada no caso de obras xa rematadas. A inversión media por película implica 1,5 millóns de euros por proxecto por máis que as diferenzas de entre uns é outros son tan grandes como os 13 millóns de euros que Filmax sinala para Donkey Xote, con moita distancia, o máis caro de todos os presentados, e os 76.800 euros que ten Exilios, o documental dirixido por Xan Leira. Os sesenta millóns de euros supoñen tamén a cifra total de inversión e a eles contribúen as distintas produtoras non galegas que, segundo os casos, están asociadas en porcentuais diferentes ás empresas audiovisuais galegas. Nas obras presentadas en Terra de cine, o caso máis habitual é o predominio do capital galego, segundo os datos da produtoras. A segunda xornada dos encontros estivo adicada ás entrevistas nas que participaron os protagonistas dos proxectos máis adiantados, actores e directores fundamentalmente, cunha participación valorada positivamente polos responsables do Consorcio Audiovisual e que abre a porta para a celebración dunha outra edición destes encontros o ano próximo. Luís Tosar, con dúas películas presentadas á primeira edición, (Hotel Tívoli e Metílico), Chete Lera, protagonista de tres proxectos (O neno de barro, Ecos e Concursante), Carlos Blanco, quen forma parte do elenco de Unha muller invisible, no que tamén figura María Bouzas. A actriz tamén protagoniza Abrígate. Como directores, participaron no encontro Antón Reixa e Jorge Algora, con dúas longametraxe e Xan Leira, con dúas documentais na xornada matinal. Cara a tarde, os xornalistas e directores de festivais de cine invitados a esta primeira edición acudiron á rodaxe de O menor dos males, producida por Voz Audiovisual e que se está rodando estes días en Pontemaceira, coa participación de Carmen Maura, Roberto Álvarez e Verónica Echegui. Desde o Consorcio audiovisual, presidido por Fernando Salgado, a celebración dos encontros cumpre unha función de «difusión que complementa todo o traballo de creación que o sector leva realizado». Salgado explicou, na cea que o seu departamento ofreceu aos invitados na noite do venres, que «o Goberno da Xunta considera estratéxico o sector audiovisual porque xa desapareceu aquela economía das chemineas e agora estamos no tempo da economía do coñecemento». Para Salgado «o cine contribúe a difundir o feito diferencial galego porque nós queremos que o audiovisual galego conte a visión que temos do mundo e axude a proxectar a imaxe de Galicia». Fernando Lara, director do ICAA, aportou a perspectiva externa ao asegurar que «o modelo galego está sendo estudando desde outras comunidades».