A Cidade da Cultura absorberá ata un 28% do presuposto da consellería

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

As obras do proxecto de Einsenman poderían recibir ata 46 millóns de euros Os prazos sinalan que o primeiro edificio rematado estará listo en xaneiro do 2008.

15 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Ánxela Bugallo presentou onte as liñas básicas de actuación da Consellería de Cultura, ao tempo que deu a coñecer a nova web corporativa do departamento. Bugallo admitiu nun encontro cos xornalistas que a Cidade da Cultura absorbería entre «un 23% e un 28% do presuposto da consellería» para o 2007. As cifras que se manexan son, en certo xeito, continuístas en relación coas do ano pasado. Aínda que a porcentaxe pode variar ata en un 5%, un cuarto do diñeiro cultural da Xunta estará destinado a financiar o custe das obras do mastodonte do monte Gaiás. No actual exercicio do 2006, a Consellería de Cultura ten un presuposto de 164 millóns de euros, dos que 48 serviron para financiar as obras do proxecto de Eisenman. Os presupostos para o 2007 están en negociación, pero non se prevén grandes cambios nas cifras absolutas. Tendo en conta as porcentaxes anunciadas por Ánxela Bugallo, as obras poderían recibir durante o 2007 entre 37 e 46 millóns de euros. Na metade do repaso que a responsable de Cultura da Xunta de Galicia deu ao curso que comeza, explicouse o proceso que falta por completar nas obras da Cidade da Cultura e adiantou algunhas das conclusións xeradas polos diversos grupos de debate. Neste sentido, Bugallo indicou: «Abrimos un dos procesos máis participativos que se coñecen e seguramente o máis participativo da cultura galega». Este proceso culminará no Foro da Cidade da Cultura os vindeiros días 29 e 30 deste mes. Sinalou a máxima responsable cultural da Xunta que en grandes liñas as opinións recibidas nas xuntanzas sectoriais apostaban pola redefinición do proxecto «con propostas moi afastadas do orixinal anterior e que, en moitos sentidos, coinciden cos puntos de partida do proxecto actual». Bugallo asegurou que neste ano se debería completar o proceso consultivo e tomar as decisións derivadas de tal xeito que en abril próximo deberían retomarse as obras dos edificios paralizados tendo en conta as modificacións. Despois de abril tamén se realizarían as modificacións do edificio inicialmente destinado a hemeroteca, que podería estar finalizado no primeiro mes de 2008. Noutro sentido, Ánxela Bugallo indicou que a aprobación da Lei do Libro será un dos acontecementos fundamentais deste curso político e sinalou a política que se desenvolverá en deporte coa creación de novas seleccións galegas e a posta en marcha dun programa deportivo escolar no que o deporte non sexa só un argumento competitivo senón que sexa se converta en complemento. Indicou que se formarán equipos escolares que, ademais de probas deportivas, respondan a probas culturais.