«Biblioteca galega» regresa a Radio Voz cun novo horario, as sobremesas da fin de semana

La Voz M. R. | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

XOSÉ CASTRO

15 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O programa Biblioteca galega de Radio Voz, que aborda a actualidade cultural de Galicia, comeza a súa quinta temporada cun novo horario: os sábados e domingos de 16 a 17 horas. Agás hoxe que, con motivo da retransmisión da volta ciclista a España, iniciará a súa emisión ás cinco da tarde. Os condutores, Xesús Fraga e Manolo Rodríguez, realizarán varias entrevistas ao longo do programa segundo mande a actualidade. Dende o 2001 estiveron presentes autores tan importantes como José Saramago, Alfredo Bryce Echenique e Antonio Skármeta. Do panorama galego, os oíntes puideron escoitar a Xosé Neira Vilas ou Bernardino Graña, entre outros; cumpre destacar que en Biblioteca galega tamén hai lugar para os creadores máis novos e emerxentes. Xesús Fraga explicou que «o obxectivo último é animar á xente a gozar coa lectura». Esta tarde os protagonistas serán Carlos Reigosa; David Otero, que falará dos pendellos de Agolada); e unha das promesas da lírica galega, Borja Quiza; mañá será Xosé Manuel Martínez Oca quen falará da súa obra. Ademais, este espazo radiofónico conta con colaboradores de prestixio para as as súas seccións, como Eduardo Riestra. Os sábados, Miguel Anxo Fernández realizará a crítica de cine, e os domingos, Mercedes Rozas falará de arte e Camilo Franco do mundo do teatro. Polo programa tamén teñen pasado Pepe Vaamonde e Miki Nervio & The Bluesmakers.