O Consello da Cultura rende homenaxe á emigración galega

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura conmemora o 50 aniversario da celebración en Bos Aires do I Congreso da Emigración Galega. Faino co encontro internacional Galicia: éxodos e retornos , que, ademais de recoller o legado daqueles emigrados e exiliados por toda América, abrirá o debate sobre os fenómenos migratorios de hoxe en día, cando Galicia deixou de ser un país que xeraba emigrantes para ser receptor. O congreso inaugurouse cun acto de homenaxe ás persoas que organizaron e participaron naquel encontro de Arxentina, personificado en Xosé Neira Vilas, Anisia Miranda, Mariví Villaverde e Antón Santamarina, que lembraron aquela experiencia nunha mesa redonda. O recoñecemento inclúe a edición facsímile da publicación que recolle a documentación e as crónicas do evento que tivo lugar do 24 ao 31 de xullo de 1956. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou na inauguración do congreso que se desenvolve ata o venres que todos os galegos son «debedores daquela cita», mentres que o presidente do Consello da Cultura e director do Arquivo da Emigración, Ramón Villares, asegurou que este encontro constitúe «un acto de xustiza e de coherencia», porque «a emigración puxo a Galicia no mundo».