Os espazos de debate sobre asuntos de actualidade e a cultura, grandes protagonistas Aposta por unha dobre liña de ficción: series de éxito internacional e cine feito en Galicia
10 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.TVG renova a súa cara, aínda que ten que facelo pouco a pouco, respectando os tempos de televisión e os acordos firmados polo anterior equipo directivo. Pero dende o vindeiro luns veremos na Galega as que serán as liñas maestras da nova aposta televisiva: máis produción propia, auxe dos debates sobre política e actualidade e espazos para a cultura galega. O director xeral de CRTVG, Benigno Sánchez, fixo onte na gala de presentación da programación, no Palexco da Coruña, unha forte aposta de futuro: «Cunha cita coma esta tratamos de reclamar a atención da sociedade civil sobre os programas con que se fai visible a nosa vontade de cambiar a Televisión de Galicia». As bases do cambio, despois de atopar que a TVG «era un barco que tiña varias vías de auga», son dúas: «Que nesta nova etapa terán cabida todos [...] e que faremos unha aposta estratéxica pola produción propia», dixo Sánchez sen poder conter o nerviosismo. Seguindo a máxima da televisión, cuxa misión é informar, formar e acompañar, Sánchez fixo un resumo do que pretenden: «Informar con obxectividade, con espazos de debate e tertulia nos que depositamos moitas esperanzas; formar con espazos culturais xa postos en antena, así como os dedicados ao público infantil e xuvenil; e acompañar coa vontade de servir de apoio a un lustroso sector audiovisual». Sánchez tamén adiantou o proxecto de pór en marcha a segunda canle da Televisión Galega durante o ultimo trimestre do ano. Unha gala na Coruña O acto de onte celebrouse no centro Palexco de A Coruña, nun xesto cheo de contido. CRTVG xa fixo o primeiro efecto descentralizador cando hai un mes presentou a nova programación da Radio Galega en Vigo. Agora, os directivos dunha televisión que para algúns ten moito de rural e está centrada en exceso en Santiago desprazáronse á Coruña e alí, con Mon Santiso como mestre de cerimonias, déronse a coñecer os que dende o luns serán as caras visibles da nova TVG, que será máis nova na próxima tempada.