Unha autora novel, Rebeca Baceiredo, gaña o Ramón Piñeiro de ensaio

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

XOÁN A. SOLER

14 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A orixinalidade e extraordinario nivel do traballo de Rebeca Baceiredo Pérez, O suxeito postmoderno, entre a estética e o consumo , sorprenderon ao xurado do premio de ensaio Ramón Piñeiro, que decidiu por maioría dos seus integrantes concederlle o galardón da quinta edición deste certame que convoca dende hai cicno anos a editorial Galaxia e que patrocina Unión Fenosa. Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) é licenciada en Xornalismo e unha autora novel que se estrea con este premio a un ensaio que segundo ela mesma explicou tralo fallo do xurado, ten a súa orixe nun traballo de investigación para os cursos de terceiro ciclo en Filosofía que vén de cursar na Universidade de Santiago, pero que decidiu facer porque o tema lle interesa «por unha necesidade persoal da busca de explicacións». Asegurou que o suxeito postmoderno «está minguado na súas capacidades como individuo pola saturación de estímulos que recibe». A orixinalidade do ensaio desta autora, segundo o secretario do xurado, Carlos Lema, radica na novidade dun prantexamento que combina a ciencia e o pensamento. Empeza coa bioloxía e a complexidade da inxeñería xenética e pasa polo cinema e a influencia da televisión para rematar cunha conclusión filosófica. O xurado destacou, ademais, o estilo da escrita, que á profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra lle fixo sospeitar que estaban fronte a unha autora. Indicou que non hai datos obxectivos no texto que leven a pensar nunha muller, «pero a frescura e o esforzo de non facer alardes de erudición, e pola actitude humilde e discreta que amosa, sempre pensei que a autora era unha muller, nova e de formación universitaria». Rebeca asegurou a este respecto que é conscente do «punto de vista» feminino na súa escrita: «Non hai dúbida, nosoutras somos o yin; eles son o yang, engadiu. Rebeca Baceiredo súmase a o palmarés do premio creado por Galaxia en memoria dun dos seus fundadores e director da editorial ate o seu falecemento. O gañador da primeira edición, no 2000, foi Basilio Lourenzo, e os das tres seguintes foron Anxo Rey Ballesteros, Xosé Luís Barreiro Rivas e Teresa Moure.