14 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

TRES ANOS pesan como unha lousa na tele e seguramente de non haber cidadáns e colectivos empeñados en manter a memoria, a catástrofe do Prestige apenas tería asomado aos informativos porque a actualidade devórao todo. E se en 2003, foi a indignación popular quen mantivo viva a resposta contra aquel monumental disparate que dende sectores dos gobernos daquela en Madrid e Compostela, xunto ao seu entusiasta coro mediático, se empeñaban en minimizar nunha triste crónica de semanas e meses, ben coñecida de todos, en 2005 a memoria daquela desgraza permanece viva, agora coa intención de evitar que volva a repetirse. Tódolos informativos se ocuparon o domingo de lembrar, non tanto as imaxes da catástrofe coa súa marea negra, que tamén, senón de mostrar como sigue a costa desde aquela, acompañadas de testemuñas e da cobertura da manifestación en Compostela. Iso si, sen crispación, moi de agradecer. Están demasiado frescas as manipulacións de aquelas semanas, con TVE y TVG en plan non pasa nada, fronte á actitude máis valente de Telecinco ou Canal Plus. Foi aquel un espectáculo nada gratificante en canto a informar con independencia e obxectividade desde a televisión. Antonte regresou a normalidade. Sen renunciar á inquedanza.