O Cervantes de Lisboa recupera as imaxes de Suárez sobre la Mancha

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Mañá ábrese no Instituto unha exposición con fotografías inéditas na súa maioría O fotógrafo galego retratou os lugares do «Quixote» en 1965 nunha serie documental

04 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O fotógrafo e cineasta galego José Suárez era un grande admirador do Quixote , como proba o feito de que rexentase unha librería en Punta del Este chamada El Yelmo de Mambrino, durante o seu exilio uruguaio. Esta afección polo personaxe cervantino non é allea á amizade que uniu a Súarez con Miguel de Unamuno, a quen coñeceu e tratou estreitamente mentres estudaba Dereito en Salamanca na década dos trinta. Varios anos despois, Suárez concretou a súa admiración polo Quixote e Cervantes percorrendo as paisaxes de la Mancha e retratándoas nunha serie que se publicaría como libro. O volume nunca chegou a saír da imprenta e Suárez preferiu arquivar aquel traballo, do que só se coñecían unhas poucas imaxes. Pero a partir de mañá, no Instituto Cervantes de Lisboa, poderán contemplarse cincuenta das imaxes daquela viaxe nunha mostra titulada La Mancha 1965 e comisariada por Xosé Luís Suárez Canal. Os retratos buscan recoller o espírito da obra a través da paisaxe e das xentes que as habitaban. A súa ollada de «documentalista humanista», como o define o director do Cervantes lisboeta, o escritor galego Ramiro Fonte, levouno a deterse nos máis pobres e máis humildes, mesmo como o faría un don Quixote do século XX. «Suárez non obviou a realidade social daquel tempo e tamén retratou o subdesenvolvemento na Mancha, precisamente naqueles anos do famoso desarrollismo », explica Fonte. A influencia do 98 O director do Cervantes opina que a fascinación de José Suárez non se detía só no Quixote , senón que percibe «unha grande influencia do espírito do 98 en moitos daqueles intelectuais galegos», ao que se engade a amizade con Unamuno. Fonte lembra que Suárez era «moi culto, moi fino, que formaba parte desas elites que se expresaban a través da súa obra, pero que o desastre de 1936 converteu nunha traxedia». Igual que as series de Suárez sobre os mariñeiros galegos ou sobre o Xapón son ben coñecidas, non ocorreu o mesmo coas imaxes de la Mancha, enterradas nos arquivos do fotógrafo. Ramiro Fonte felicítase de que o cuarto centenario do Quixote sexa o momento perfecto para devolver á luz este persoalísimo traballo. Ademais de pertencer a un organismo que ten como misión espallar o español no mundo, o Cervantes de Lisboa ten como obxectivo estreitar lazos culturais con Galicia. Nesta liña, Fonte non descarta que esta exposición, unha produción propia do Cervantes de Lisboa, viaxe a outras sedes do Instituto, e mesmo a Galicia. «Estamos moi interesados en que estas fotografías, que nunca se viran antes, tamén teñan a oportunidade de ser expostas en Galicia», avanza Ramiro Fonte. Para o escritor, Suárez é dono dunha «importantísima obra que aínda está por descubrir». Aínda que descoñecida e case anónima, a serie sobre la Mancha recibiu eloxios no seu tempo, como os de Eduardo Blanco Amor, tamén fotógrafo: «Nunca, que yo sepa, los blancos dieron tanto de sí esa quietud y ensimismamiento y al mismo tiempo tan tierno y expresivo palique, ni los negros un contenido tan patético y tan sobrio».