Francisco Leiro presenta dende onte, na Galería Adhoc de Vigo, once esculturas agrupadas baixo o nome de Carácteres . -¿A exposición ten unha idea unificadora? -É o propio título Carácteres , aínda que tamén podería chamarse Personaxes . Son pezas moi escollidas e cada unha delas ten o seu discurso. As pezas situadas na parte baixa da galería teñen un discurso más unido. Unha delas chámase Al paso e está inspirada no Prestige . Emprego as botas e os plásticos que foron usados polos voluntarios. -¿É unha homenaxe aos voluntarios? -Non, é unha cousa simbólica. É coma un paso de Semana Santa, con personaxes invisibles que transportan un volumen e están escondidas tras un plástico negro. Son anónimos e pode ser todo ese exército anónimo que viñeron a limpar as praias. É simbólica, pero tampouco ten unha mensaxe moi nítida. Quero deixarlle espacio ao espectador para que interprete. -¿Teñen unha unidade cronolóxica? -Non, son de anos distintos. -¿Nesta exposición quere clasificar os diferentes tipos humanos? -Non pretendo facer o personaxe, senón que eu, dalgún xeito, invento personaxes e estes transmiten algo... Pode ser unha situación psicolóxica. Ás veces hai coma unha mensaxe psicolóxica, a través da escultura, das formas, do equilibrio da peza, da roupa que poidan levar... Pero non estou exactamente representando a un personaxe concreto. Hai xente que fala de min coma un escultor irónico, pero eu non pretendo facer a caricatura do home. O que pasa e que no momento en que distorsionas a figura humana parece que te achegas á caricatura. -Os críticos sempre o queren encadrar. ¿Ten algunha opinión ao respecto? -É normal, sempre queremos clasificalo todo. Eu o unico que podo dicir é que utilizo basicamente a figuración como medio para contar historias, pero non quero facer a representación do home como algo real. -¿Que lle achegou Estados Unidos? -Non o sei por que nunca deixei de marchar de eiquí, nin tampouco acabei de estar alí, pero, máis que Estados Unidos, Nova York achegoume moitísimo; é unha cura de humildade continua porque sempre parece que estás empezando de cero.