Ánxela Bugallo comprométese a incrementar o orzamento da RAG

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

O presidente da Academia foi o primeiro en ser recibido pola nova conselleira de Cultura Barreiro lamenta que a institución fose tratada inxustamente co anterior Goberno

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, quixo que a primeira institución que pasara polo seu despacho fora a Real Academia Galega (RAG). O presidente da institución, Xosé Ramón Barreiro Fernández, manifestoulle os proxectos nos que están a traballar e tamén amosou as inquedanzas da Academia. O centenario da RAG, que se celebra o vindeiro ano, unha serie de proxectos de política lingüística que pretenden poñer en marcha e a financiación desta institución son algúns dos temas que abordaron onte. Barreiro Fernández lembrou que os responsables da Consellería de Cultura do anterior Goberno non trataron con suficiente xustiza distributiva á Academia, «en comparación con outras institucións», sinalou. O presidente da RAG reclamou que no futuro, cando se elaboren os orzamentos da comunidade antónoma, se vaian rectificando estas situacións. Ánxela Bugallo amosouse receptiva a estas peticións, e asegurou que «por suposto» que se intentará subsanar este problema, «porque nos parece que a necesidade de continuidade dos traballos require que os orzamentos da RAG estean dacordo co que significa a Academia», recalcou. Bugallo expresou xa o seu compromiso coas celebracións do centenario, nas que se agarda a presenza da Casa do Rei no acto principal, no que tamén se espera que estean representadas as casas de Galicia no exterior e as outras academias de lingua do Estado. Outras iniciativas que xa trascenderon son un documental sobre a entidade, que realizará a Televisión de Galicia, ou unha exposición itinerante sobre os principais acontecementos da cultura galega nestes cen anos. Hai uns meses, o presidente da Real Academia Galega consideraba tamén que era o momento de elaborar un gran diccionario etimolóxico, e de traducir, en colaboración co Instituto Cervantes, a dez ou vinte escritores galegos salientables a outras linguas.