Historia social da lingua Co termo Rexurdimento identificamos a xeira histórica de recuperación literaria, cultural e política que se materializa na segunda parte do século XIX en Galicia.
17 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A raíz da invasión francesa en 1809 e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego, con fins propagandísticos, impresos en follas soltas ou en xornais. Uns chaman ao campesiñado á defensa do país e outros defenden as ideas liberais. Ao longo do século, tras a fin do absolutismo e o inicio da monarquía constitucional, nacen diversos movementos galeguistas baseados na defensa da singularidade e da personalidade diferenciada de Galicia. O primeiro deles, aparecido cara aos anos 40, foi o Provincialismo , que denunciaba a marxinación social do país e procuraba a valoración social da súa arte, dos costumes e da historia. Víronse apartados da política despois do seu apoio ao fracasado levantamento militar de Solís -fusilamento dos mártires de Carral- e refuxiáronse no mundo da cultura e da literatura. A segunda xeración galeguista, o Rexionalismo , compaxinou cultura e política, facendo da lingua a súa preocupación primordial. No camiño do afianzamento lingüístico e literario, celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais en 1861 As composicións premiadas, xunto con mostras da poesía contemporánea, recóllense un ano máis tarde no Álbum de la Caridad, primeira antoloxía do rexurdimento galego. A esta altura de século comezan a estar presente na reflexión intelectual galega os postulados do movemento romántico. Con estes vimbios puxéronse as bases dunha posterior teorización rexionalista e nacionalista con claras repercusións e vinculacións lingüísticas. Aínda que dende os comezos da formación dunha identidade galega diferenciada no século XIX a lingua foi recoñecida como un factor de especificidade, sería a partir das formulacións teóricas do historiador e activo galeguista Manuel Murguía cando se lle outorgou o papel fundamental que aínda hoxe ten para o nacionalismo. Rosalía e o Rexurdimento O primeiro libro en galego publicado no século XIX é A gaita galega de Xoán Manuel Pintos en 1853, pero é Cantares Gallegos (1983) de Rosalía de Castro a que inaugura o Rexurdimento pleno. Ano frutífero en publicacións foi 1880. Nel saen composicións dos autores de máis sona desta etapa: Follas Novas , deRosalía de Castro Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez, e Saudades gallegas, de Valentín Lamas Carvajall. Seis anos despois aparece Queixumes dos pinos , de Eduardo Pondal Rosalía de Castro transcende coa calidade da súa obra as nosas fronteiras para se incorporar á historia da literatura universal. Os seus versos foron obxecto de múltiples estudos e traducións a diversas linguas. Pola súa banda, Manuel Curros Enríquez foi un dos escritores preferidos polos lectores do seu tempo, sen dúbida porque coa súa poesía denunciou as inxustizas -o mantemento dos foros, a opresión, o fenómeno da emigración, etc.- e se compromoteu coas ideas de progreso. Asentou unha tradición de poesía combativa que continuaron numerosos autores posteriores.Eduardo Pondal, autor do que sería o himno galego, buscou as raíces prehistóricas do pobo galego, poñendo de manifesto o elemento culto para engrandecelo a partir da súa concreción individual. A consolidación da prosa galega non se produce ata o século XX, pero a fins do XIX hai xa precedentes salientables. A primeira novela galega contemporánea, Máxima ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, publícase en 1880. Unha obra que tivo grande repercusión entre as clases populares foi O catecismo do labrego , de Valentín Lamas Carvajal. Pola súa banda, A tecedeira de Bonaval , O Castelo de Pambre e O niño de pombas converten o seu autor, Antonio López Ferreiro, no prosista máis relevante da época. Tocante ao xénero teatral, este foi o menos cultivado. Desde a publicación de A casamenteira en 1812 ata a década dos oitenta non houbo apenas actividade editorial relacionada co teatro. Nas últimas décadas do XIX publícanse as primeiras gramáticas e dicionarios do galego, esenciais para a súa normalización e codificación escrita: Compendio de gramática gallega-castellana , de Francisco Mirás (1864); e Gramática Gallega , de Saco e Arce (1868), que foi durante moitos anos a máis completa descrición gramatical da lingua galega. E en 1886 ve a luz a obra El idioma gallego, su antigüedad y vida , da autoría de Antonio de la Iglesia. O estudo científico do galego nace neste período histórico. A presenza do galego nos xornais contribúe a prestixiar o idioma. No ano 1876 edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o primeiro xornal redactado integramente en galego: O Tío Marcos da Portela . O éxito deste xornal, con marcado carácter anticaciquil, resultou espectacular. Entre os anos 1886 e 1888 vaise consolidando o xornalismo en Galicia, coa aparición de novas iniciativas monolingües: A fuliada , na Coruña; O Galiciano , en Pontevedra; A Monteira , en Lugo; e As Burgas , en Ourense. Aínda que xa no século XX, podemos considerar que a última manifestación do Rexurdimento foi a constitución da RAG en 1905, con Manuel Murguía como o seu primeiro presidente.