O programa Audiovisual nas Aulas imparte en once colexios galegos un taller no que os alumnos elaboran personaxes e gravan unha curta de animación con plastilina
07 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.E sin embargo se move. A plastilina toma vida animada por ese truco vello do cine e pola imaxinación dos nenos dos once colexios galegos no que se desenvolve o taller de animación en plastilina promovido polo Consorcio Audiovisual dentro do programa Audiovisual nas Aulas. O certo caos que se deixa sentir nas aulas ten que ver coa algarabía dos nenos ao ver que os seus bonecos de plastilina bailan cun movimento case imposible pero que está a medio camiño da ximansia sueca e o hip-hop. Por baixo da anarquía hai unha organización controlada pola necesidade e por dous especialistas na materia, Virginia Curiá e Tomás Conde. A organización ten que ver cos sistemáticos procesos que precisa a animación fotograma a fotograma. O taller ten dúas partes cunha media de sete horas en total. A primeira, xa completada, foi o modelado das figuras. No colexio de Castrelo, en Cambados, os nenos fixeron tres grupos cunha ducia de personaxes en cada un: hai extraterrestres, rapeiros, vellos, algún neoliberal, poucos futbolistas e ningunha figura recoñecible da cultura televisiva. Pero hai un Castrelix, a versión plastilinada da mascota que hai seis anos inventou unha alumna do centro e que protagoniza varios carteis. A segunda parte do taller é animación. Cada neno é responsable do seu muñegote e, a pesar da fama que teñen os cativos en xeral, vanse adaptando ben á necesaria disciplina. Unha vez conectados a cámara de vídeo e un ordenador, os nenos aprenden as condicións mínimas: hai que fixar os trípodes e hai que evitar cambios na iluminación e no entorno das figuras. Faise unha táboa con 50 movimentos e os rapaces van cambiando a postura e o xesto de cada un dos monecos. A cada cambio un novo fotograma. Chegados ao final, os rapaces danlle ao botón de marcha e a pandilla variopinta, colorida e desenfadada dos monecos en plastilina inicia unha danza que aínda non ten orquesta pero ten axilidade.