A praza de Celavella é o escenario dun dramático asasinato a tiros

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

A popular serie da Televisión de Galicia ofrece esta noite un novo capítulo Un anarquista, considerado un heroe polo pobo, acapara o misterio desta noite

05 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

? acontecemento é tan espectacular que acapara a primeira páxina de todos os xornais que se publican na ficticia vila de Celavella, aínda que a noticia xa se espallara antes. Os titulares de prensa din: «Espectacular roubo na conserveira de Ramón Roselló perpetrado por Francisco Méndez». Así empeza o argumento do capítulo que esta noite emite a Televisión de Galicia da popular serie As leis de Celavella . Méndez é un heroe para os seus veciños, un verdadeiro anarquista que xa non é a primeira vez que ten enfrontamentos con Roselló, algo que, por suposto, é coñecido por todos os habitantes de Celavella. Pero ese recoñecemento popular de Francisco Méndez medra aínda máis cando o mesmo día en que se coñece o atraco a conserveira morre dun tiro no medio da praza da vila. Este feito acaba por converter a Méndez nun mito e a Roselló no principal sospeitoso de ter cometido o asasinato do seu vello inimigo. As leis de Celavella é unha serie que está ambientada nunha vila galega, no primeiro tercio do século pasado, e está sendo producida por Voz Audiovisual. No capítulo que esta noite emite TVG, o investigador Pablo Veiga, un dos principais protagonistas da serie, non se conforma coa versión inicial do acontecido na praza de Celavella e cre que podería haber alguén máis detrás do asasinato. Estas sospeitas do investigador vense confirmadas cando descobre que un extraño home fuxiu da praza xusto despois do disparo que matou a Méndez. Iso fai medrar o misterio arredor do acontecido, un misterio que é un dos principais elementos de cada un dos capítulos desta serie que acadou numerosos premios na última edición dos premios Mestre Mateo.