La Voz entrega o martes o libro sobre a vida de Lorenzo Varela

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Fernando Salgado recuperou os textos nos que o escritor falaba de si mesmo «Memorias incompletas» é un volume estructurado a xeito de autobiografía

14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O volume máis próximo a unha autobiografía de Lorenzo Varela que o lector poderá atopar será o que entregue La Voz de Galicia este vindeiro martes para conmemorar o Día das Letras Galegas. é o título deste volume no que o xornalista Fernando Salgado, un dos grandes especialistas na vida e na obra do escritor de Monterroso, recolle, ordena e ensambla textos autobiográficos de Varela ata conformar un documento no que se dan a coñecer as claves vitais e literarias desde o punto de vista de quen as viviu e as escribiu. Presentada na Real Academia Galega este pasado xoves, a «autobiografía» do escritor revela moitos dos aspectos fundamentais da vida de Lorenzo Varela que, en moitos aspectos ten características de novela en si mesma. Salgado sinala, sin embargo, tres aspectos salientables na traxectoria do escritor: «O compromiso republicano, o exilio, e un retorno no que se atopou descolocado». Xunto a estas tres características, Salgado destaca outra que ten que ver coa cantidade de veces que Varela cruzou o océano, o que implica unha perspectiva do mundo radicalmente diferente da que podía haber entre os escritores galegos antes da guerra civil. Con estas circunstancias, Lorenzo Varela colocouse nun espazo cultural ao que se incorporaban elementos centrais da cultura contemporánea: a pertenza, a saudade, o compromiso social e tamén a necesidade de que as letras militen e contribúan á mellora da sociedade á que pertencen. O volume que se entrega este martes con La Voz deixa constancia de todas estas premisas vitais e literarias de Lorenzo Varela e máis tamén desa situación, anómala para el, de volver a un país que, sendo o del, non se lle facía recoñecible e as dificultades de tentar recuperar a memoria nunha sociedade que, desde o seu punto de vista, estaba máis interesada en esquecer. A singularidade de Memorias incompletas é, como sinala o autor, volver sobre a vida do escritor desde o seu punto de vista. Un xénero que, ata agora, non se probara nas distintas publicacións que se levan realizado ao longo das celebracións das Letras Galegas. Fernando Salgado preparou unha edición na que se recollen os textos de Varela nos que lembra a súa vida ou reflexiona sobre a súa obra. O conxunto destes textos de procedencia variada e, en algúns casos dispersa, forma un xeito de autobiografía que, entre outras cousas, serve para explicar como viu o tempo de esperanza, loita e compromiso que lle tocou vivir. O libro forma parte da Biblioteca Gallega e súmase ás conmemoracións e actividades que rescatan a memoria de Varela. Será entregado aos lectores de La Voz por un euro máis o cupón do lombo do xornal do vindeiro martes, 17 de maio.