La Voz conmemora o 17 de maio cunha «autobiografía» de Lorenzo Varela

La Voz L. P. | A CORUÑA

TELEVISIÓN

O escritor e xornalista Fernando Salgado é o autor do volume «Memorias incompletas» A obra, que se distribuirá ao prezo dun euro o Día das Letras, preséntase hoxe na Academia

11 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Contan os biógrafos que Jesús Manuel Lorenzo Varela (La Habana, 1916-Madrid, 1978) naceu a bordo dun buque que estaba a piques de chegar a Cuba. Nun vapor trasatlántico viaxaban os seus pais, emigrantes que fuxían do Monterroso natal para facer as prometidas Américas. Non puido elixir Lorenzo Varela -tal é o nome co que gañou a posteridade- forma máis literaria de vir ao mundo, mecido polas ondas nun punto incerto entre América e Europa. O nacemento é só un símbolo da biografía de lenda do escritor que esta primavera protagoniza o Día das Letras Galegas. E á conmemoración do 17 de maio súmase un ano máis La Voz de Galicia, que o vindeiro martes distribuirá entre os seus lectores o volume Lorenzo Varela. Memorias incompletas , do escritor e xornalista Fernando Salgado. O libro poderá ser adquirido por un euro máis o prezo do periódico entregando o cupón que o 17 de maio aparecerá no lombo do xornal. Achega A obra, escrita polo delegado de La Voz de Galicia en Lugo, ofrece un achegamento á figura de Lorenzo Varela na súa propia voz, xa que recolle textos autobiográficos nos que o autor desvela algúns dos segredos dunha singular vida que rivaliza en interese coa súa literatura. Estas Memorias incompletas de Lorenzo Varela incorpóranse á centenaria colección da Biblioteca Gallega, editorial na que desde o século XIX teñen publicado as principais sinaturas das letras galegas. A obra coa que La Voz agasallará o vindeiro martes aos seus lectores será presentada hoxe na sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas da Coruña. O acto, que se celebrará ás doce do mediodía, contará coa presenza do autor do texto, Fernando Salgado, que explicará o contido desta nova aposta pola cultura galega.