Guede define a peza como unha «comedia negra para medir a musculatura dun teatro» O Centro participará con ela no Festival de Teatro Clásico de Almagro no mes de xullo
11 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O Centro Dramático Galego estreará este venres a versión de Manuel Guede sobre unha das obras máis interpretadas de William Shakespeare: Ricardo III . Será no Rosalía de Castro coruñés onde se bote a andar formalmente esta historia de ambición política e crimes de estado. Quince actores conforma o elenco dunha obra que, segundo expresa o seu director e máximo responsable do centro, Manuel Guede, «é unha desas páxinas nas que se mide a musculatura dun teatro», en alusión, unha vez máis, a reiterada durante os últimos anos madurez e maioría de idade do teatro galego. Advirte o director que aínda non sendo esta obra das «mellor consideradas pola crítica, sempre exerceu un estraño magnetismo que a converte na máis representada de toda a obra de Shakespeare». No sentido interpretativo da montaxe, Guede establece algunhas analoxías entre o proceder político cruel e asasino de Ricardo III co desenvolvido por Hitler. A analoxía chega ao punto, segundo Guede, de que resulta «arrepiante a semellanzan entre o magnífico monólogo co que se inicia a obra e o discurso que Hitler pronuncia diante do estado maior para xustificar a invasión de Polonia». Con estas claves, Guede defende a obra como unha «comedia negra» na que un home tolleito «pon en marcha un perfecto e sanguinario mecanismo que o converterá en rei». Polo camiño deixará nada11 cadáveres, incluídos os dos seus dous sobriños. Xosé Manuel Olveira, Pico será o actor que encarne a este rei ambicioso e cruel. Acompañado no elenco por Marcos Viétez, Manuel Areoso, Artur Trillo, Muriel Sánchez, Miguel López Varela, Maxo Barxas, Miguel Pernas, Xulio Lago, Luisa Merelas, Toño Casais, Rodrigo Roel, Agustín Vega, Elina Luaces e Pancho Martínez. A produción deste Ricardo III permitirá ao CDG ampliar as cada vez máis curtas xiras galegas viaxando a Madrid e, por primeira vez na súa historia, participar no Festival de Teatro Clásico de Almagro, no que ofrecerá dúas funcións nos primeiros días do mes de xullo. Antes de pasar polo festival, está prevista a representación no Teatro Español en Madrid, entre os últimos días de xuño e os primeiros de xullo. En Galicia, a xira comeza este venres en A Coruña, para seguir en Narón, Santiago, Tui, A Estrada, Vigo e Ourense, antes de viaxar fóra. No caso de Compostela, o CDG estará case un mes no Salón Teatro.