O Centro Dramático acada sete premios na noite do teatro galego

Camilo Franco A CORUÑA

TELEVISIÓN

«Fobias», da compañía Lagarta, Lagarta, consigue o galardón á mellor montaxe A obra titulada «O ano da cometa», dirixida por Quico Cadaval, triunfa nos María Casares.

27 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Novena edición dos premios María Casares de teatro e primeira edición nos últimos anos con certo suspense sobre os resultados. A destacada presenza das dúas últimas produccións do Centro Dramático Galego competiu con dúas obras radicalmente diferentes, O encoro , de Teatro do Atlántico e máis Fobias , da compañía Lagarta, Lagarta. Finalmente, os prefesionais da escena galega decantáronse por entregar unha maioria dos premios a produccion do CDG dirixida por Quico Cadaval sobre o texto de Álvaro Cunqueiro, O ano do cometa , aínda que o premio para a mellor montaxe foi para Fobias . Mofa e Befa Con Mabel Rivera presentando a gala e con Mofa e Befa amenizando a peculiar tramoia do escena, a noite do teatro galego inclinouse pola reivindicación da profesión, dos oficios teatrais e de que a television non relegue ao teatro as horas de madrugada. A toda velocidade, circunstancia inusual para unha gala, resolveuse unha ceremonia que escolleu para os primeiros premios as montaxes do CDG e foi deixando para o final, os máis sinalados, para as compañías privadas. Deste xeito, a compañía institucional galega apañou seis galardóns: escenografía e iluminación, para Baltasar Patiño; música, para Bernardo Martínez; vestiario, para Carlos Alonso; adaptación, para Quico Cadaval e actriz secundaria, para Susana Dans. Fobias quedou con outras tres xerras: mellor texto, para José Luis Prieto; mellor actriz protagonista, para Rosa Álvarez, e mellor montaxe. O Encoro foi sinalado con outros dous premios, actor secundario, para Toño Casais e director, para Xulio Lago. Mellor actor O premio para o mellor actor protagonista levouno Roberto Leal pola seu traballo en Indignos , da compañía María a parva. A mellor maquillaxe saiu das mans de Dolores Centeno por As laranxas máis laranxas de todas as laranxas , escrita por Carlos Casares e tamén montada polo CDG. A ceremonia lembrou en primeiro lugar que este ano se cumpren vinte da creación da Asociación de actores que promove estes premios do teatro profesional galego. Tamén foi de lembranza a intervención do gañador do premio de honra, Luis Álvarez Pousa, quen recordou os seus trece meses como director xeral, a posta en marcha do CDG e a resistencia mantida contra as directrices institucionais que querían naquela altura outro modelo de compañía teatral pública. A terceira lembranza da noite foi para María Casares, famosa actriz nacida en Coruña de quen o vindeiro 2005 se cumprirá o décimo cabodano do seu pasamento, acontecido en Francia.