Mindonienses e ferroláns rendiron onte xuntos en Mondoñedo, ante a estatua do escritor, unha conmovedora homenaxe á memoria do creador de «Merlín e familia»
23 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Estaba visto: o 23 de Nadal, cando Mondoñedo e Ferrol, capitais diocesanas desa Galicia do Norte que é unha Bretaña máis, renden homenaxe á memoria de Álvaro Cunqueiro xuntas... ¡Non podía faltar Merlín! Especialmente nunha ocasión como a de onte, cando o acto celebrando ante a estatua de bronce que contempla a catedral mindoniense servía de limiar ao cincuentenario de Merlín e familia, un libro, publicado por primeira vez en 1955, que cambiou a literatura para sempre. O problema, onte, era que Merlín (neste caso reencarnado no incombustible Manolo Montero, a quen Cunqueiro concedeu o título de Libreiriño de Cámara , pero que foi ascendendo ata a categoría de mago) non tiña noticia exacta da hora na que se ían ofrendar as flores: «¡Chamar, chamaríadesme -protestaba Manolo Merlín -, pero eu se estou na cociña non escoito, e se ninguén me avisa despois...!». Así que houbo que retrasar a ofrenda un cuarto de hora, para que Montero se fose ataviar á casa como á ocasión lle correspondía. Mentres, Manuel García, Lolete , veterano mestre gaiteiro do Toxos, entretiña a espera con aires de muiñeira, e na Praza Maior -na mesma Praza Maior, por certo, na que por orde dos Reis Católicos foi executado o mariscal Pardo da Cela-, posto que era día de mercado, ulía, como a Cunqueiro lle gustaba, a pan. Por fin o Nigromante Chegou, por fin, o Merlín reencarnado, correndo a todo correr. «Collín o primeiro traxe que encontrei», explicou o nigromante Manolo. E entón, en presencia do alcalde mindoniense, Luis Rego, e coa asistencia dunha representación do mundo da cultura ferrolá da que formaban parte, entre outros, a historiadora e etnógrafa Esperanza Piñeiro e o presidente do Toxos, Pedro Sanz, Cunqueiro recibiu as flores de Nadal. Unhas flores coas que Ferrol e Mondoñedo lle felicitan xuntos o seu cumpreanos dende que ambas cidades comenzaron a preparar un irmanamento que agora é realidade. Nese instante foi cando Lolete comenzou a tocar o Alalá das mariñas , ese que ao ser cantado di, entre outras cousas, «estou vivindo no Ceo». Entre o público, unha neniña bailaba abrazada ao seu boneco de colores. E unha señora maior, emocionada, botouse a chorar...