INTERFERENCIAS

07 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI UNHAS semanas, o centro territorial de TVE en Galicia ofreceu un intenso (e moi interesante) serial de sete entregas co título A catástrofe do Prestige, dous anos despois, que era tamén unha proposta derivada da vocación de servizo público correspondente a toda televisión pública. Case se podería afirmar que a batería de profesionais do centro arrearon nun labor que era tamén un repaso á historia e unha aposta pola memoria. O que pasou, pasou, e afortunadamente estaban as cámaras e os xornalistas para levantar acta. Claro que, o serial emitiuse entre o 13 e o 22 de novembro por La 2, na franxa horaria previa o night time, e sábese que o share soe pasar abondo pola canle e a esa hora. Inxusto, sen dúbida. Por fortuna reparouse o asunto no dominical Crónicas coa emisión da reportaxe Tal como fuimos, no que o xornalista Xosé Manuel Pereiro sintetizou en pouco máis de trinta minutos o serial orixinal, dirixido á audiencia española, de xeito que multiplicaría a súa acollida, pese a ser La 2 unha canle minoritaria. Concisión narrativa e contundencia no argumentario, trazos fundamentais para un contido destas características que marcou a Galicia e á sociedade española. Como nunca chove a xeito, sempre haberá opinións para todos os gustos, pero o programa pretendía levantar acta e refrescar a memoria. Moi de agradecer.