O presidente da Fundación Castelao, con 90 anos, tocou o tamboril e bailou con centos de veciños das vilas de Cáceres que participaron no primeiro encontro coa cultura galega
06 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?Cando marchamos costoume traballo non chorar». Avelino Pousa Antelo, 90 anos, aguantou a emoción pero outros non e choraron. Remataban tres xornadas nunha xeografía que o mapa di que é Cáceres pero na paisaxe «só falta o toxo para ser como Galicia, porque aquilo é un val fértil, cheo de carballos e ata teñen pexegueiros», apunta Isidro Novo, un dos escritores galegos que a pasada fin de semana viaxou as tres vilas de Cáceres nas que pervive A Fala. O espírito tamén era galego e por iso os veciños de San Martín de Trebejo, As Elas e Valverde do Fresno lles dicían aos que chegaban: «Pero falades coma nós». Os que viaxaron salientan a xenerosidade de persoas como o Mago Antón, «que apareceu alí como o que é, como un mago, media hora antes das actuacións é a o rematar volveuse porque o domingo tiña que estar aquí», explica Xosé Vázquez Pintor, apuntando que «hai que querer moito a un país para facer iso de xeito totalmente desinteresado». Outro escritor, David Otero, foi o culpable de que don Avelino subise ao escenario e tocase dúas pezas de tamboril co grupo de gaitas de Melide Froito novo. O presidente da Fundación Castelao aínda se atreveu, a xeito de despedida, cunha muiñeira na praza de Valverde do Fresno. Onte resumía como voltou a expedición: «Cansos fisicamente, pero moi animados». Geno Piñeiro, secretario do Concello de Moaña, explicou que pensaron organizar esta viaxe despois de que o alcalde de San Martín de Trebejo estivese na vila, o pasado 17 de maio. Piñeiro salientou a gran cantidade de xente que acudiu as tres mesas redondas convocadas á mesma hora nos tres pobos de Cáceres. Isidro Novo lembra o agarimo co que foron recibidos, «xa que quedamos en casas particulares», e David Otero conta unha mostra desa xenerosidade: «Unha señora estivo toda a noite bordando unha bandeira galega; trouxémola para a sede da Fundación Castelao». Otero trouxo outro recordo: un dos papeis postos o domingo nas rúas de Valverde do Fresno nos que se prohibía aparcar porque «hai que deixar sitio para despedir aos galegos». Ademais dos xa citados, viaxaron a Cáceres Ramón Caride, Xúlio L. Valcárcel, Xosé Manuel Millán -escritor y alcalde de Moaña-, Heidi Khun, Xosé Fernández Abella, Xosé Lois García e Carlos Ramos, ademais de A Quenlla e os grupos de gaiteiros Axóuxere, Froito Novo e Na Virada. Todos din que isto terá continuidade.