Galaxia publicará en agosto «Tristano morre», o último libro do candidato ao Premio Nobel O escritor reflexiona nesta obra sobre o sentido do tempo e da vida, sobre o século XX e a humanidade.
23 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A estas horas, o italiano Antonio Tabucchi, un dos grandes autores da narrativa europea contemporánea e eterno candidato ao Premio Nobel de Literatura, revisa as galeradas de Tristano morre , a versión galega da súa nova novela, que leva por subtítulo Unha vida . Un libro que a editorial Galaxia vai sacar á luz, en tradución de Leandro García Bugarín, antes de que se publique en castelán. Tabucchi, namorado da obra de Álvaro Cunqueiro, fala galego con asombrosa fluidez; de feito, esa é a lingua na que se expresa normalmente cando visita Galicia. E en galego publicárase xa anteriormente, tamén pola editorial Galaxia, ese conmovedor libro seu que se chama Afirma Pereira . Non é casualidade ningunha que o galego tamén vaia ser agora, por tanto, o río de palabras a través do que chegará aos lectores este texto novo, no que Tabucchi -como subliña o director literario de Galaxia, Carlos Lema, entusiasmado- reflexiona sobre o sentido do tempo, sobre a liberdade... Secreta música e pregaria Xa é un libro, este, esperadísimo; ansiosamente agardado polo que representa na traxectoria de Tabucchi. Unha obra que poderá lerse en Galicia o més que vén, en agosto, quizais a mediados. En calquera caso, nas vindeiras semanas. A novela, escrita coa secreta música dunha pregaria que acaba por ser un canto, construída cunha envolvente prosa que recorda o ir e vir, o eterno tránsito, das ondas do mar ao bicar as praias, converte na máis lúcida das literaturas o relato dunha agonía terrible. Na Toscana, no ardente verán de Italia, un home, Tristano, ve marchar a súa vida comida pola gangrena. E ao pé do seu leito, un escritor convértese no espello dos seus recordos. Duns recordos nos que se reflicte, entre delirios, a historia de todo un século, verdadeiro eixo do relato. Onte á tarde, Tabucchi non estaba na súa casa. Unha voz feminina, transmutada en contestador automático, pedía, amable, a través do teléfono, que se deixase un recado. En calquera caso, o autor de Afirma Pereira non vai tardar demasiados días en devolver a Galaxia o tradución ao galego feita por García Bugarín: para ler -sería máis correcto dicir para reler- o libro, só pediu de tempo unha semana. Non ten por qué haber retrasos, dicía onte Xosé Soutullo, o xefe de Produción de Galaxia. E subliñaba que «a publicación da nova novela de Antonio Tabucchi é un paso máis no camiño da plena incorporación do libro galego á normalidade, pois normalidade -dicía el- é acceder en tempo real, con outras linguas do sistema literario europeo, á publicación de autores desta importancia».