O Premio de Novela por Entregas de La Voz conta con tres finalistas

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Na noite do vindeiro día 22 darase a coñecer o nome do gañador O día 15 remata o prazo para que os lectores presenten orixinais para os Relatos de Verán

01 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O xurado do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia decidiu nunha xuntanza que mantivo onte proclamar finalistas as obras presentadas baixo os lemas O retorno das vagas, O descenso do derradeiro ocaso e 1492 . Entre estas tres pezas elixirase a que se vai publicar por entregas nas páxinas do periódico durante o mes de agosto. O fallo do xurado darase a coñecer nunha cea literaria que se celebará o próximo día 22 de xullo. Por outra banda, cando aínda falta máis dunha semana para que conclúa o prazo de presentación de orixinais no apartado de Relatos de Verán da 5ª edición das Páxinas Litetarias, o número de obras recibidas fai pensar que un ano máis a resposta dos lectores vai ser masiva. Preto de douscentos textos chegaron xa por correo ordinario e a través da dirección electrónica redac@lavoz.es. As obras, de tema libre e cunha extensión que non debe exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11 (uns 2.100 caracteres con espazos incluídos), deberán ser entregadas antes do 15 de xullo, a poder ser acompañadas dun disquete e dunha fotografía do autor ou autora, e sempre facendo constar os seus datos, teléfono e dirección. Por correo ordinario as cartas dirixiranse a La Voz de Galicia. 5ª Edición de Relatos de Verán. Avenida da Prensa, 84-85. Polígono de Sabón. 15142 Arteixo (A Coruña). Votacións Entre todos os relatos recibidos, un xurado seleccionará os 124 que, a razón de catro diarios, aparecerán reproducidos neste xornal ao longo dos 31 días do vindeiro mes de agosto. Cada semana, todos os lectores do periódico que o desexen poderán votar os que consideren mellores a través dos cupóns que se publicarán ao efecto, e haberá importantes lotes de libros como premio, cada un deles con 31 volumes da editorial Sotelo Branco. As Páxinas Literarias presentarán tamén os minirrelatos de autores con obra publicada e unha novela por capítulos. Esta coñecerase no transcurso dunha cea literaria que terá lugar no Museo de Artes Gráficas de la Voz o vindeiro día 22, na que se fallará o Premio de Novela por Entregas que convoca este diario coa colaboración da Consellería de Cultura e Ámbito Cultural de El Corte Inglés. O xurado, cuxa composición será dada a coñecer o mesmo día do fallo (retrasado uns días por razóns organizativas), seleccionará entre as finalistas a obra que se fará cos 6.000 euros do premio e o dereito a vela publicada por entregas no xornal no mes de agosto. Como o nome dos autores permanece oculto baixo o segredo da plica, que non se abrirá ata o momento de coñecerse publicamente o fallo, os autores finalistas, especialmente convidados á cea literaria do día 22, deberán acudir á mesma. Será no Museo de Artes Gráficas de La Voz na sede central do periódico no polígono de Sabón. O acto comezará ás nove da noite. ?Máis de 150 escritores Dos tres elementos que compoñen as Páxinas Literarias que La Voz de Galicia ofrece cada mes de agosto aos seus lectores, o que abre a sección é un minirrelato escrito por algún dos nosos autores con obra publicada. Coa presente edición, a quinta, acadarase xa a cifra duns 150 creadores. Entre os pequenos relatos, sempre ilustrados polos profesionais que colaboran de cote con este medio, hainos de autores aínda pouco coñecidos a carón doutros de todos os grandes da nosa literatura contemporánea.