LA VOZ recollíao onte cun titular contundente: «Los expertos denuncian que la tele toca fondo para los niños». Tema vello e sabido, preocupación de profesores e pais (por esta orde, sexamos xustos). A víspera presentaron en Madrid as conclusións do foro nacional sobre entorno familiar, menores, educación y televisión, organizado por RTVE e o Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales. Repartirán aos cativos o tríptico Aprende a ver la tel e e o decálogo Guía para ver mejor la televisión . Todo será pouco para anular á tele monstruosa dos últimos años. Aproveitando esta coxuntura, veñen a conto dous aspectos. Os materiais de apoio que reciban os escolares son benvidos pero convén non descoidar a cualificación docente, e incluso a introducción de especialistas en audiovisual nos centros. E anotemos o caso galego. Neste curso, por iniciativa do Consorcio Audiovisual de Galicia co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, desenvolveuse o proxecto Au-2003, Audiovisual nas Aulas en doce centros, co apoio de monitores, unidades didácticas, proxeccións, visitas a TVG e participación de rostros populares, con resultados sorprendentes e continuidade garantida. Trátase de dotar ósnenos de ferramentas contra o mal consumo audiovisual. Magnífico que tomen cartas no asunto.