A propiedade da terra, eixe do novo capítulo de «As leis de Celavella»

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Pombo reclama a renda anual a unha das labregas que traballa nas súas parcelas A TVG emite o episodio da serie de intriga dos anos vinte en horario de «prime time».

30 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O novo capítulo de As leis de Celavella céntrase esta noite, as nove e media na TVG, nunha das cuestións máis importantes da vida económica e social do agro galego nos anos vinte: a propiedade da terra. É época de pagamento de foros e os labregos de Celavella teñen que render contas ante Pombo, o dono das terras que eles traballan. Pero este non foi un bo ano para moitos, as colleitas foron escasas. Otilia, unha labrega que traballa as terras de Pombo, non ve como facer. Acaba de pagar os trabucos e non lle queda patacón. O seu home, emigrado na Habana, tódolos anos lle manda un xiro para facer fronte a este pagamento, pero este ano o xiro aínda non chegou. Necesita un aprazamento no pago, uns cantos días a ver se o seu home lle manda os cartos. Loita de Don Tomás Pero Pombo non está polo labor, só lle da un día para pagar, e se non pode con cartos que o faga en especies. Esa é a única alternativa que lle ofrece o cacique á pobre muller, ou eso ou o desaloxo. Se Otilia lle dá a Pombo as pitas, o millo e as patacas, ¿que vai quedar para seus dous fillos? O problema complícase polo feito de ser muller casada, o que lle impide dispoñer do seu patrimonio sen autorización do seu home. Os apuros de Otilia van provocar efectos sorprendentes en Celavella. Don Tomás, o cura párroco, non pode admitir semellante inxustiza. Tampouco Pablo e Matilde poden quedar de brazos cruzados.