«As cidades non definiron o país»

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

FIRMA

O historiador presenta un volume no que a historia de Galicia cambia de cara para darlle máis protagonismo en cada tempo a cada unha das sete poboacións galegas

29 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

?nha historia de Galicia contada desde as súas cidades é o novo libro de Ramón Villares que se presentará hoxe, no Consello da Cultura (19 horas), tras ser suspendida a anterior convocatoria polos atentados de Madrid. -Digamos que fixen un pequeno experimento que pode ter detractores e que pretende, entre outras cousas, compensar o excesivo peso que ten o mundo rural na historia de Galicia. Tamén compensar o predominio do eclesiástico dándolle máis peso ás cidades e aos acontecementos civís. -Non se parece en case nada. Este é un libro diferente, se ben hai cousas loxicamente nas que coinciden. Pero a intención e o xeito de contar a historia é distinta porque nesta ocasión se trataba de contar novos espazos, culturas diferentes e conseguir, mediante estas outras formas, novos lectores ou lectores que queren ler a historia doutro xeito. -¿Por que as cidades non tiveron ata agora protagonismo nos manuais e nos libros de historia de Galicia? -Non sei se é inxusto, pero as cidades galegas non definirion o país, non exerceron historicamente o papel de ordenación e organización. Teñen a súa historia e está relacionada co resto das cidades e co país, pero non tiveron o protagonismo que noutros territorios tiveron, que foron determinantes para a evolución, para a introdución dos novos elementos sociais. -O libro vaille dando o protagonismo a cada cidade no seu tempo de esplendor e no momento que son máis importantes en Galicia. -Puiden ter feito monografías e tratar só a historia de cada cidade, pero para iso fago un libro diferente ou un libro da cada cidade. Eu quero con este libro vencellar a historia de cada cidade galega co conxunto do país e por iso escollo darlle protagonismo a Vigo nos comezos do século XX, a Coruña no XIX, a Compostela dos tempos de Xelmírez ou a Ourense no momento en que a Xeración Nós está imaxinando un país; escollo o Lugo romano, o Ferrol da Ilustración e a Pontevedra que foi principal porto de Galicia. Son épocas históricas que en conxunto cobren case toda a historia do país e nas que cada unha das cidades ten un protagonismo relevante para Galicia. -¿Na historia pesan demasiado os acontecementos significativos, os bélicos, os eclesiásticos? -Creo que hai que darlle máis peso ás cuestións de carácter cultural á hora de facer historia. Non me refiro só á cultura letrada, senón a todas estas cuestión que teñen que ver coa sociedade, aos cambios que se producen. Nese aspecto queda moito por dicir, pero tamén na historia de España. -O ton desta historia afástase do académico. -Non podo dicir que sexa creación literaria, pero case. É unha narración cun suxeito que non se ve porque é un suxeito histórico. Pero eu quería dirixirme a un lector medio, que non ten por que ler historia, que non é un rapaz de 16 anos nunha aula, que ten curiosidade por coñecer a historia do país como un relato dos sucedidos. -Pero tamén implica un traballo de interpretación por parte do historiador. -Hai unha interpretación persoal do papel das cidades, pero creo que é onde hai que meterse como historiadores. Ten risco, pero é un camiño que hai que andar, especialmente, en territorios como Galicia, onde non hai un estado que polarice a historia, que marque a identidade definitiva, que non ten o suxeito colectivo organizado.