O Bloque pregunta pola adopción da nova normativa do galego

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

29 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O grupo parlamentario do Bloque dirixiu unha pregunta á Xunta de Galicia para saber en que momento vai adoptar de xeito oficial o acordo normativo aprobado pola Real Acamedia Galega o pasado 12 de xullo. Segundo a interpelación, estase deixando pasar o curso 2003-04 sen actualizar a norma nos centros de ensino, que consideran fundamentais á hora de facer eficaz a existencia da mesma. Sinala tamén a interpelación nacionalista que a Xunta aínda non publicou no Diario oficial de Galicia os cambios que a normativa actual da RAG introduciu ao respecto da anterior, polo que non se facilitou o acceso á mesma de amplos sectores da sociedade. Noutro sentido, o BNG considera que esta é unha norma de consenso na que, ademais da Real Academia, traballaron as tres universidades galegas e o Insituto da Lingua Galega, polo que non entenden o desinterés que ata o de agora leva demostrado a Xunta sobre esta reforma normativa. Desde esta perspectiva, o Bloque considera que a Xunta está sendo insubmisa con respecto á Lei de Normalización e ao tempo que pregunta pola razóns do retraso da adopción oficial da nova normativa, quere saber tamén que vai facer a Xunta de Galicia para conseguir a maior divulgación e coñecemento da lexislación aprobada hai agora máis de sete meses tras longos debates.