O Consorcio Audiovisual anuncia un plan de promoción de documentais

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

O Consorcio Audiovisual de Galicia impulsará ás empresas a buscar mercados fóra da comunidade autónoma para aumentar as súas produccións e acadar retos coma o de liderar na Península o ámbito da animación. Estas medidas forman parte dos acordos para o 2004 que adoptou onte o consello de dirección deste organismo co obxectivo de promover un sector «que precisa un novo esforzo para seguir relanzando o audiovisual», segundo o conselleiro de Cultura e presidente do Consorcio, Pérez Varela, que reiterou que Galicia ten que pasar de realizar o 10% da producción audiovisual que se fai na Península ó 20% no próximo bienio. O Consorcio Audiovisual, constituído hai oito meses pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Igape, a Compañía de RTVG e as catro deputacións provinciais, conta cun orzamento para o 2004 de arredor de 636.000 euros cos que financiará proxectos coma o da posta en marcha do primeiro Plan de Promoción de Documentais e a creación da base de datos Rodado en Galicia e a edición dun libro sobre canta rodaxe se fixo en diferentes lugares da comunidade autónoma dende os inicios da cinematografía. Nas actividades que o Consorcio prevé levar a cabo no vindeiro ano terán continuidade programas coma o Curtas 03, destinado á promoción das curtametraxes galegas, así coma o de formación a través do Taller de Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Volverá convocar becas de formación e axudas para estreas fóra de Galicia. Tamén terá continuidade o plan Audiovisual nas aulas que puxeron en marcha neste curso en colaboración coa Consellería de Educación. A consolidación do Consorcio Audiovisual pasa por como integrarse na Federación de Entidades Rexionais do Audiovisual Europeo e pola organización de eventos internacionais de moita repercusión no sector, como a Conferencia de Autoridades Cinematográficas de Iberoamérica, que se celebrará en Compostela, e a reunión da Spain Film Commission.