Morre dun ataque ó corazón a poeta e traductora Xela Arias

La Voz VIGO | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

02 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Un ataque ó corazón foi a causa da morte da poeta e traductora Xela Arias, quen morreu na madrugada de onte en Vigo e que será enterrada esta tarde, a partir das 16 horas, no cementerio vigués de Pereiró. A noticia da desaparición, por inesperada, colleu a contrapé ó mundo cultural galego. Xela Arias naceu en Lugo en 1962 e acaba de publicar en Espiral Maior o seu máis recente poemario, Intempériome , que puña fin a sete anos de silencio poético da escritora. O libro foi presentado nestas últimas semanas en diferentes cidades galegas. Xela Arias protagonizou no final da década dos oitenta e nos primeiros noventa a progresiva incorporación das voces femininas ó panorama literario galego, moi especialmente no ámbito poético, no que os seus libros foron marcando un camiño para a poesía de muller. Ademais do seu recentísimo Intempériome , na carreira poética de Xela Arias figuran títulos como Tigres coma cabalos , editado con fotos de Xulio Gil, ou Darío a diario , unha reflexión poética adicada ó seu fillo na que desvela as afirmacións e as dúbidas da maternidade. Meños coñecido, pero non menos intenso foi o seu labor como traductora, no que verqueu para o galego a autores como James Joyce ou Angela Carter, entre outros.