«A comedia do Gurgullo» estrea a temporada do vixésimo aniversario do CDG O director da obra asegura que «as concesións que se fan son para divertir ós espectadores»
23 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Que mande o público. Esa é a intención da nova montaxe do Centro Dramático Galego que esta noite estrea nova temporada en Santiago. A comedia do Gurgullo é o título da obra que refunde varios textos de Plauto por demostrar que os tempos cambian, pero a comedia permanece inalterable. A obra, dirixida por Celso Parada, estreouse no Festival de Elxe e todos os membros do Centro volveron da cita mediterránea falando prodixios da resposta dos espectadores: ovacións e xente de pé, pese a que o galego en Elxe, como en tantos sitios, non é idioma predominante. Tanto Celso Parra como Evaristo Calvo, un dos dez actores do elenco, sinalaron que nesta montaxe todas as concesións están feitas a favor do espectador. Que a intención final da producción «é facer unha festa». Por esta celebración pasan, segundo Parada, «desde os irmáns Marx ata Chaplin porque os grandes rasgos da comedia plautina vanse proxectando no tempo como unha constante do humor». Pese a seguir os modelos clásicos e a proceder na súa mestura como Plauto procedeu cos autores anteriores, a obra busca ó espectador de hoxe «están os principais temas de Plauto, pero é unha comedia de hoxe». Evaristo Calvo insistiu na idea de que a comedia repite os seus modelos: «poderiamos dicir que Charlot é un escravo dos que aparecen nas comedias plautinas, utiliza os mesmos recursos do humor».