O responsable da política de promoción do galego da Xunta considera que se está dando unha dimensión excesivamente grande a esta reforma «e convén non asustar á xente sobre o tamaño desta». Moreiras indicou que, tal e como se está a tratar o cambio, «calquera pode pensar que estudiou unha norma e que agora non serve e isto non é así en absoluto». O director xeral insiste en que «a norma é a mesma e convén que os cidadáns o entendan así para que non se pense que hai que volver estudiar galego». Moreiras coincide nas súas apreciacións coas do presidente da Academia Galega, quen insistiu tamén na necesidade de que se dea difusión á reforma en función da súa transcendencia desde o punto de vista dos falantes. Neste aspecto o director xeral cre que os usuarios do galego non van notar os cambios «porque son variantes que xa estaban en uso, pero non estaban recoñecidas».