Curar a sorpresa

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

ÁLVARO BALLESTEROS

Crónica | Festival Internacional de Danza para Paseantes En Pé de Pedra

27 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Están placidamente sentados nun sofá na parte da Quintana. Están ó aire libre e os paseantes miran con certa estrañeza a estampa familiar sobre a praza pública. Tamén é verdade que en Santiago poucas cousas sorprenden. Están habitanto o espacio, que é un xeito de explicar que están cambiando a súa natureza. Ela e mais el, os personaxes, habitan a Quintana como se levasen media vida nela: fan cousas de todolos días e mesmo convidan a cervexa a alguén que pasa con tempo para deterse. Chegadas as seis da tarde, comezan a moverse con outro ritmo e a estrañeza dos paseantes é menor porque hai xente que agarda polo espectáculo. Se hai espectadores, hai función, pero a xente que pasa xa mira doutro xeito. A función de En Pé de Pedra é provocar esa sorpresa nos viandantes e logo curala entre as voces que van calmando, os ruídos cotiáns que nunca acaban de silenciarse e a inmersión da danza nun espacio que non é neutral. É o espacio que pertence ós camiñantes, ós veciños, ós paseantes. A parella que integra Mal Pelo, fóra do sofá, lonxe do parasol, interpreta a danza subindo e baixando polas escaleiras da Quintana. As escaleiras son un elemento que dificilmente se dá nos teatro. Como as fontes. E, sen embargo, son elementos naturais para En Pé de Pedra. Quizais por eso as compañías aproveitan os chanzos para danzar. Ou aproveitan a Fonte dos Cabalos, como fixo Juschka Weigel, para pechar un percorrido lento, rítmico e nervioso por Praterías. Aproveintando a dureza das pedras e elasticidade da carne para marcar algunhas figuras no aire. Logo un salto e o final dentro da auga seriamente vixiada polos cabaliños, para ser por un instante Ofelia fugaz no centro de Compostela.