Os programas de Office 2003 contarán cun renovado corrector de galego

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

A ferramenta detecta 21 millóns de palabras e aporta topónimos de Galicia e Portugal Imaxin Software desenvolveu a versión que estará dispoñible a partir do vindeiro outono

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Cada vez que xurde o debate sobre o futuro do galego, os especialistas coinciden en sinalar como fundamental para a saúde da lingua gañar a batalla da utilidade. Neste eido, a informática é un terreo no que o galego está introducíndose a través de traduccións de programas e ferramentas como correctores. Microsoft vén de anunciar a inclusión dun corrector de galego na nova versión de Office, e que estará á venda no outono. A empresa galega Imaxin Software encargouse do seu desenrolo, que é unha actualización do que xa figuraba no Office XP. Este corrector detecta 21 millóns de palabras e aporta 700 abreviaturas, 1.000 nomes e apelidos e 500 siglas, así como 1.200 topónimos galegos, portugueses, españois e europeos. Coa súa instalación poden revisarse todo tipo de documentos como correos electrónicos, follas de cálculo e bases de datos. O xerente de Imaxin, Diego Vázquez Rey, sinala a necesidade de que o galego conte con ferramentas na lingua propia. «Cremos que o desenvolvemento de ferramentas é máis importante que a traducción de programas, que tamén o é», explica. Vázquez Rey tamén destaca a importancia do corrector polo feito de que o usuario medio comete erros lingüísticos en galego cando escribe, máis que en castelán. Este corrector rectifica automaticamente os máis habituais, como poden ser as terminacións dos plurais, e sinala en vermello os defectos que atopa nos documentos.