A Academia Galega eleva ó grao sumo o compromiso de Avilés coa súa terra

Sara Ares NOIA

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

Xosé Ramón Barreiro salientou como o bardo bregou sempre por facer realidade a Galicia soñada García Bodaño evocou no Teatro Coliseo Noela a capacidade creativa do poeta.

17 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«É primavera en Noia, e a noite será unha longa mina de diamantes», Avilés «dixit». E así foi porque a choiva non impediu onte que agromaran mil flores de loubanza que fixeron revivir na vila noiesa ó gran domador de rimas e de ventos que encarnou Antón Avilés de Taramancos. Un poeta esencial non só para a literatura senón tamén, e como constatou o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, para a dignificación dun pobo, dun país, dunha lingua. O protagonista do Día das Letras Galegas do 2003 foi un revolucionario ben entendido, edificado sobre os cimentos da loita comprometida. «Baixo a epiderme da súa poesía, atópase un concepto fundamental: un compromiso social e radical», reivindicou Barreiro. Esa condición natural non se podería entender sen remontarse á súa infancia na súa aldea, Taramancos, topónimo que arrastrou consigo ata a súa particular e fértil leira creativa. Salvador García Bodaño, Luz Pozo Garza, Xohana Torres e o propio Barreiro viaxaron a través das súas verbas a ese berce no que «o neno Xosé Antón aprende a chamarlle ás cousas polo seu nome». Un mundo de mulleres, a avoa, a nai; no que Avilés aprende a absorber, a forxar a súa identidade e a esculpir unha utopía. Esa utopía, segundo o máximo expoñente da Academia, consistía en «poñer a punto o corazón dunha Galicia que lle doía moito», en colocar toda a carne no asador para construir a patria soñada, satisfeita de norte a sur da súa identidade. A Avilés chegoulle a morte sen ver cumprida a súa utopía. A cambio e, como asentiu Barreiro: «Segue vivo na súa obra, no vento». Cunha vitalidade inxectada a través dos beizos do seu íntimo amigo García Bodaño, quen rememorou en Noia cun lirismo abraiante toda a súa vida de lenda e aventura e a herencia que deixou: «Un inmenso caudal creador». Luz Pozo Garza evocou o paraíso de Taramancos e Xohana Torres, ademais de subliñar a pegada de Urbano Lugrís sobre a personalidade de Avilés, aportou unha magnífica definición do bardo: «Foi un home que fixo da poesía un exercicio de amor e liberdade por onde navegou a súa existencia».