Hai exposicións nas que entras e podes ver unha parte do mundo reinterpretada; que recompoñen algúns dos alfabetos que o tempo e a corrupción das intencións deterioran. Hai mostras que nos devolven a unha realidade subxectiva, pero lúcida. é o título da mostra que Manolo Figueiras ten no Edificio Simeón, en Ourense. Son 40 retratos como 40 ladróns, retratos de artistas que levan camuflada a súa identidade entre as propostas artísticas, pintores cun perfil que confunde as súas marxes coas biografías reinventadas. Iso desde fóra. Desde dentro o asunto é outro. Desde o interior dos retratos hai un xogo pictórico e outro intensamente literario. O pictórico ten que ver coa rebelión dos iconos, coa subversión dos seus significados e coa transformación das súas tarefas representativas. Ata agora o papel dos iconos estaba feito a maior gloria dos representados. Quizais sexa culpa do románico ou do inmobilismo eclesiástico en materia artística, pero un icono era unha imaxe referencial que alimentaba a disposición en favor do pintado. Para Manolo Figueiras os retratos iconográficos son elementos especulativos, é dicir, pictóricos en tódolos sentidos. Reúnen a gracia do xeroglífico e a sinceridade da declaración de principios: valen para ser estampa e comentario. Paisaxe Valen como retrato paisaxe porque hai no artista ourensán unha intención orteguiana de explicar á vez cómo ve ó personaxe e á circunstancia. En moitos sentidos, desde que o señor Freud de Viena tivo algunha das súas decisivas ocorrencias, acabamos por pensar que todo retrato é psicolóxico. Pero non é este o caso. Aquí xoga menos esa capacidade inte+rpretativa das intencións que a capacidade literaria das expresións. Ten máis relevancia a visión artística, como se finalmente artista e obra foran un todo de difícil separación. Por iso o túnel de Rothko, o petate de Gauguin, o violín de Klee ou a contemplación burguesa de Matisse. Tamén por iso un certo xogo das adiviñas permanece en tódolos cadros, como esa intención reiterada e necesariamente interpretativa de introducir uns cadros dentro doutros. De lembrar que a pintura fala sempre da pintura anterior e así polos cadros dos cadros. Amén.