? seu nome é Martiño Ferro pero no seu pobo, en Caritel, no municipio pontevedrés de Pontedecaldelas, é coñecido por Martiño de Lopo. Este será o nome que figurará no letreiro da nova tenda de fotografía que vai abrir dentro de pouco na zona de Bertamiráns, en Compostela. Estes días está a piques de rematar as obras do local para o que tivo claro que quería un cartel en letra Gallaecia Castelo, era unha idea que o leva a cando era neno e nas viaxes veu as letras propias de lugares como o País Vasco. Dentro de pouco o su local tamén terá unha letra propia de Galicia. -¿Por que razón escolleu esta tipografía? -Primeiro porque hoxe en día parece que todo o antigo volve a ser moderno. O segundo porque está claro que o deseño é algo imprescindible para todo. E a terceira razón é porque se trata dunha letra galega. -¿É moi importante para vostede esta letra? -Cando de neno viaxaba a Francia, sempre me chamou a atención a letra do País Vasco, desde os carteis que daban a benvida ata os do aeroporto pasando polos nomes das tabernas. Por iso é importante ter unha tipografía propia, como é a letra Gallaecia Castelo, e empregala. Ademais, o nome que vou por na tenda é o de Martiño de Lopo e unha característica desta tipografía e que as os levan un punto no medio, algo que é semellante ó obxectivo dunha cámara fotografíca, un detalle que vén moi o caso tratándose do letreiro dun establecemento de fotografía. -¿Xa coñecía este tipo de letra? -Teño fotos dunha antiga fonte que hai no meu pobo, en Caritel, que foi restaurada, e que ten este tipo de letra. Tamén en Soutomaior as letras do edificio do Concello teñen esta letra e mesmo os nomes de tódalas rúas están escritas con esta tipografía. Eu emprego habitualmente esta letra e as miñas tarxetas de visita están escritas con ela. -¿Que salientaría deste xeito de escritura? -Penso que é un deseño moderno, pero que o mesmo tempo nunca vai deixar de estar de moda. Eu resumiría dicindo que ten tres características elementais que son as de que é moderna, elegante e galega.