«Nos setenta cheguei a estar vetado na Televisión Española»

Ángel Varela A CORUÑA

TELEVISIÓN

O artista de Moaña foi fichado por unha multinacional discográfica en 1971 tras acadar o primeiro premio dun festival celebrado en Vigo

13 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«Cando empecei as grandes compañías discográficas tiñan oxeadores en Galicia para buscar artistas»«Por salas de festas galegas como a de Moaña chegaron a pasar artistas como Julio Iglesias» Xil Ríos é historia viva da música galega. Pioneiro a principios dos setenta, o cantante de Moaña mantívose durante trinta anos nos escenarios galegos como unha das grandes referencias da canción melódica en galego.­- ¿Como empeza a súa carreira profesional? -Comecei no ano 71 nun festival que se celebrara en Vigo, onde gañei cun tema composto por Polo, un chaval que xogara no Celta. Pouco despois firmei coa multinacional Philips Fonogram, unha empresa coa que estiven moitos anos. Daquela as multinacionais tiñan oxeadores que buscaban xente nova en Galicia.- Nos setenta había un gran interese polas empresas discográficas de encontrar cantantes en Galicia. -Si. Había un movemento interesante na música galega. Había xente que xa fora moi recoñecida como Los Tamara, Andrés Dobarro ou Juan Pardo, que aínda que era bilingüe tamén cantaba en galego.- ¿Cales son os primeiros temas que grava? -O primeiro tema que gravei foi co que conseguín a victoria en Vigo: Un anaco de pan . Iso foi no 71. Xa no 73 gañei o Festival do Miño en Ourense coa canción Miña Maruxiña . Logo xa seguín gravando discos ata que peguei aquel bombazo con Xirarei no oitenta.- Aguantou moitos anos na multinacional. -Pois si. En Philips debín de estar catorce ou quince anos. De cantantes galegos estabamos Xoán Rubia e máis eu. Logo xa entraron Fuxan os Ventos, na súa época dourada.- Era o resultado das grandes vendas que tiña nos setenta a música galega. No que atinxe á música vocal non se repetiu tal número de artistas. ¿Por que cree que non se volveu a repetir esa época dourada? -Chegou un momento en que todo se empezou a facer desde Madrid a través de grandes campañas de márketing. Eso provocou que os cantantes que nos chamaban rexionais nunca conseguiamos unha gran venda dentro do que son os niveis dunha multinacional. Tamén foi desaparecendo o trato directo coas emisoras de radio. Antes, cando eu quitaba un disco comezaba a soar en tódalas emisoras, e eso foise perdendo.- ¿Sempre tivo claro que o seu era a denominada canción melódica en galego? -Sempre fun un cantante de canción popular, aínda que o principio era máis de corte social e de feito cheguei a estar vetado na TVE de mediados dos setenta. - ¿Por que o vetaran? -Por un tema en concreto que se chamaba Ós meus amigos , que era a cara B do single A nosa Galicia . - ¿Que tiña a letra da canción para que se chegara a vetar? -Era un pouco reivindicativa para aqueles tempos porque falaba da vida dos mariñeiros. Logo xa cambiei a canción máis popular coa que, como dicía antes, peguei o bombazo de Xirarei , que fun a gravar en Londres con Juan Pardo como productor.- Foi un artista que actuou moito en directo. En Galicia non lle debe quedar ningún lugar por coñecer. -Si, sempre traballei moito en directo. Na miña primeira época actuaba moito en salas de festas, que logo foron desaparecendo e foi cando os artistas foron pasando a actuar ó aire libre. Por exemplo, pola sala de festas de Moaña chegaron a pasar cantantes como Julio Iglesias. e