O bosque medra no mundo

La Voz

TELEVISIÓN

«En Francia entramos con 80 copias e en Portugal con 20; en Francia Los lunes al sol estreouse con vinte copias e nós temos un estreo máis discretiño con oitenta copias», explica, cun punto de sorna Manuel Gómez, falando da difusión da primeira película española en 3D, El bosque animado . Nestes momentos «estamos na semana doce en Italia, onde empezamos o dous de xaneiro con 43 copias; levamos xa case 100.000 espectadores que é un éxito importante, unha proba de que esta é unha película que gustaba e tiña interese a nivel internacional, non só porque a mercaran, xa que os que mercar tamén se poden enganar». Ademais, «en Italia cunha promoción moi discreta e en datas complicadas».A estrea da película en Francia terá lugar en xuño, en xullo vai ser o de Portugal e en outubro o de Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Rusia e Suíza, entre outros. Gómez recoñece que «haberá países nos que irá mellor e outros peor pero de tódolos xeitos é un feito insólito para a animación española; moi poucos casos de animación europea viron as súas películas estreadas en salas de cine doutros países; o normal é que tiveran vida na televisión, pero non nas salas de cine». Todo isto fai que a película vai entrando, pouco a pouco, nun mercado importante. Difusión internacional Entende Manuel Gómez que O bosque animado xa ten a súa carreira iniciada, «xa chegamos a un acordo con Nikon Produccions, unha compañía nova pero que os seus membros teñen unha longa tradición de animación a nivel internacional, e eles van ser os que nos representen internacionalmente con O bosque animado tanto para as vendas a television como para a futura serie na que estamos traballando baseada nos personaxes do bosque». Ademais haberá diversas exposicións sobre esta película estando prevista para o mes de maio unha en Espiño, para xuño outra en Lisboa e para xullo en Oporto.Ó mesmo tempo, unha mostra desta cinta poderá verse en París. Para outubro a exposicion trasladarase a Amsterdan. Polo que se ve O bosque animado medra no mundo.