«O público que mellor nos trata é o alemán»

Ángel Varela A CORUÑA

TELEVISIÓN

Berrogüetto converteuse nun clásico dos escenarios de Europa.

23 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O de Berrogüetto foi chegar e bicar o santo. Co seu primeiro álbum ( Navicularia ), a banda converteuse automaticamente nunha referencia do folk galego a nivel internacional. O seu idilio coa crítica (sobre todo a alemana, que lle concedeu varios premios) e co público continuou no seu segundo e terceiro disco. Anxo Pintos, un dos seus membros, fálanos da traxectoria pasada e do estado actual do grupo. - ¿Con que premisas creativas traballou Berrogüetto no disco «Navicularia»? -A idea era empezar cun disco que reflectise o noso espírito colectivo e que por outro lado tivera unha importante presencia de música tradicional. Tamén decidimos contar coa presencia das que daquela eran as pandereteiras do grupo Cantigas de Agarimo, e que hoxe son Anubía, porque coidabamos que a música vocal era un referente dentro da música galega, que no ano 1996 aínda non estaba excesivamente explotada polos grupos tradicionales. -¿De onde vén o título de «Navicularia»? -É unha palabra que vén do latín e que significa comercio marítimo. O disco estaba dedicado ó mar, que curiosamente hoxe ten unha vixencia luctuosa, e xa queda reflectido no primeiro tema, que ten un comezo moi marítimo, e na última canción do disco onde se pode escoitar un barco. -O grupo recibiu unha chea de premios en Europa con este comezo. -Foi un debut tremendamente sorprendente para nós, tanto no que atinxe ó público como no que respecta á crítica musical. -Con este álbum, Berrogüetto converteuse automaticamente nunha banda clásica en Alemania, unha situación que nunca vivira un grupo galego de forma tan rápida. -Agora temos unha xira anual por ese país, ademais de recibir o premio da crítica alemana polo primeiro disco e polo terceiro. A verdade é que non temos ningunha dificultade para conectar co público dese lugar, que é onde mellor nos tratan. -Ademais de Alemania, Berrogüetto conseguiu en pouco tempo asentarse no circuíto internacional de concertos. -Estamos convencidos de que en xeral é toda a música galega a que ten que estar nun circuíto internacional, algo que se consegue con certa dificultade, porque construír unha etiqueta de música galega leva bastantes anos. Ademais hai que ter en conta que os grupos galegos non temos ningún tipo de axuda institucional para facer esta clase de campañas como poden contar os cataláns ou os vascos. Por exemplo, acabamos de perder unha pequena xira co Instituto Cervantes porque partimos coa desvantaxa de que os grupos cataláns saen de Cataluña cos billetes pagados pola Generalitat, e nós non. Iso é unha realidade que está aí e que non conseguimos solventar a pesar das conversas que se teñen mantido coa Administración, que parece que non considera que a música galega sexa embaixadora da cultura galega. -¿Que proxectos está desenvolvendo o grupo nestes momentos? -Estamos facendo unha banda sonora para unha serie documental sobre enerxías alternativas chamada Renovar . A idea é editar esa música. Está gravado nunha planta de enerxía solar nas illas Cíes, onde montamos un estudio de gravación. Fíxose así para cuestionar a dependencia do petróleo que ten a sociedade.