INTERFERENCIAS
12 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.DESPEXADA a incógnita das nominacións ó Oscar con Almodóvar acadando un fito histórico para o cine español coa súa discutida Hable con ella , e coa inxusta marxinación de Os luns ó sol en favor dun coñazo alemán chamado Nowhere in Africa , o martes tiña un protagonismo moi especial para Galicia. Unha cita co programa El debate de La 2 baixo o xenérico La marea del 'Prestige' . Sen entrar noutras consideracións, porque sobre o seu desenvolvemento haberá opinións para tódolos gustos e cores, xa podemos dar por seguro que máis da metade do país televisivo amarrouse ó espacio de Josep Puigbó. A estas alturas, cando non hai cidadán que descoñeza o que foi e como foi, ou o que pasou e como pasou, o dato importante para esta columna, está na reivindicación deste tipo de foros nas grelas televisivas. Pode que moitos consumidores de televisión se decataran no night time (técnicamente a franxa que vai das 22.30 ás 01.00 horas) do martes, que ese aparello que con demasiada frecuencia cuspe lixo sobre o salón do fogar, tamén sirve para falar de cousas serias. Para formar, para informar e para polemizar. Sen mandalo ás horas previas ó kikirikí cando por casualidade algunha televisión aposta polos debates civilizados (sobran as tertulias perralleiras con aspirantes a clientes de otorrinos e foniatras...). O que está a facer Puigbó ten alucinado a máis dun. O seu espacio está pelexado coa frivolidade dos botaporelas e cos príncipes do mundo marrón (antes rosa) que está apirolando a unha xeneración completa de espectadores. Do visto o martes, modélico en canto a fair play, quedémonos coa reivindicación dunha televisión más seria e máis digna. A ver se é certo.