«Hai que interesar ó lector para que lea o seguinte capítulo e a literatura actual préstalle pouca atención a esta necesidade».
29 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O seu libro apareceu como novela por entregas en La Voz, ¿que pretensión tiña a novela? -Pretende ser unha novela negra, aproveitando a estructura de novela por entregas, que é unha estructura que neste momento resulta heterodoxa, rara, pero que houbo momentos en que foi moi habitual, como é o caso de Dickens ou outros. O que quixen foi escribir unha historia na que hai un crime e uns personaxes que viven uns conflictos e, ó tempo, enganchar a atención do lector, que para unha novela por entregas resulta esencial. Hai que interesar ó lector suficientemente para que lea o seguinte capítulo, pero creo que esto de conseguir a atención do lector é algo ó que a literatura actual debería prestar máis atención da que lle presta. -Sabendo que a novela ía aparecer por entregas en La Voz de Galicia, ¿como influíu na forma de escribir e tamén no estilo? -Pois moito. Pero creo que hai rexistros diferentes. Escribo poesía e escribo dun xeito moi diferente que na novela. Do mesmo xeito, esta novela está pensada para a convocatoria de La Voz, así que cando comezas a escribir suxeita cada día a un número de carácteres xa adoptas un estilo que ten bastantes semellanzas coa forma con que escriben os xornalistas: un estilo sintético, sen descripcións longas. Ó tempo hai que pensar que é un público amplo e moi variado. Na novela creo que hai bastantes niveis de lectura, pero digamos que hai un primeiro que admite unha presentación directa da persoa que se encontra no primeiro capítulo cunha muller morta no ascensor e que, desde este feito, vai desenguedellando os fíos a través da detective, Ana Candeán, do policía e dos veciños da casa que van dando cada un a súa versión, pero sempre tendo en conta que cada capítulo tiña que ter unha unidade e tiña que ser máis breve que os capítulos das novelas: un capítulo dunha novela miña pode ter ata 15 folios. Tamén tiven en conta que os temas non podían transcorrer máis alá dun capítulo, cada un debía ter unha unidade. O que fixen antes de me poñer a escribir foi poñer nunha folla os números dos capítulos e fun escribindo, aínda que con unha soa frase, o que ocorría cada día. Despois non se cumpriron exactamente, pero no comezo o tiña máis fixado do que normalmente fago coas novelas. -Un periódico é un espacio de lectura ben diferente dun libro. Digamos que hai máis competencia, o lector ten máis onde pór os ollos, ¿como actuar ante eso? -Eu pensei que na mesma páxina habería máis oferta. Eu leo a prensa a diario e non a leo enteira, escollo as cousas. Da mesma forma tentei que os lectores seleccionasen o capítulo da novela, por eso dicía antes o de enganchar ós lectores. Debido a algunhas ideas que circulan sobre o que é a literatura, coas que eu estou só parcialmente de acordo, sobre se debe ser elevada, debido a esas ideas pérdese o diálogo cos lectores e creo que a este feito non se lle dá a importancia que ten, porque un libro só existe como tal se alguén o le. Así que os meus libros pretenden, mesmo aqueles que poden parecer máis complicados, chegar ós lectores porque para min esa é a finalidade dos libros. Non digo que todos os libros teñan que ser best-seller , porque tamén sabemos que hai libros que son un producto puramente comercial. Digamos que en Unha presa de terra a miña intención de achegarme ós lectores foi moito maior que noutros casos, como pode ser Teoría do caos, que apareceu case ó mesmo tempo e que tiña outra estructura.