Ourense acolle ó mellor da banda deseñada da Península

La Voz LA VOZ | OURENSE

TELEVISIÓN

Ata o día 11 haberá na cidade exposicións, presentacións, mercadiño e cine de animación Manuela López Besteiro entregou na inauguración os premios do Certame Artístico da Xunta

04 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A cidade de Ourense será ata o vindeiro día 11 a capital da banda deseñada de Galicia. A conselleira de Familia, Manuela López Besteiro, inauguraba onte as catorce Xornadas de Banda Deseñada de Ourense salientando a vitalidade, dinamismo e a creatividade que amosa o sector na actualidade e augurando un prometedor futuro para o cómic galego. Neste punto Manuela López Besteiro referiuse «á calidade artística e á variedade temática amosada polos xoves que participaron no Certame Galego de Imaxe Artística 2002 no apartado de banda deseñada». No acto de inauguración da catorce edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense procedeuse a facer entrega dos premios do certame que premia ós xoves valores do cómic galego. O primeiro premio da categoría A, de 23 a 30 anos, correspondeulle a David Rubín por Antón ardendo . Neste mesmo apartado resultaron gañadores Hugo Covelo, Marcos García e Manuel Pena. Na categoría B os galardóns foron para Diego Blanco, Alberto Vázquez e David Roi Corral. En cando á categoría C, para artistas de entre 14 e 18 anos, o premio foi para María Rial. A conselleira amosouse convencida de que «tanto polo que se pudo ver neste certame como polas iniciativas que están en marcha no sector, coa edición de traballos e revistas, en Galicia estamos a vivir un momento moi interesante nesta arte e estou convencida que vai seguir sendo así porque temos un grande futuro nos xoves galegos que están a facer banda deseñada». Autores e mostras En Ourense poderanse ver ata o día 11 as exposicións referidas ó traballo de Juan Berrio, Miguel B. Núñez, Golfiño, o Certame Injuve de Cómic e Ilustración 2001, as pranchas orixinais do álbum de Xerais A retirada de sir John Moore, a mostra da Fundación Sánchez Ruipérez Un siglo de viñetas, os orixinais do terceiro Certame Galego de Imaxe Artística e os traballos premiados no Certame BD Banda da Cidade de Pontevedra. As mostras repartiranse pola Casa da Xuventude, Museo Municipal de Ourense e Liceo. O cómic portugués ten unha antolóxica de artistas de Oporto.